A Escola de Arquitectura lamenta o derribo da casa de Reza

Poucos días despois de que o pasado 23 de xuño rematase o total derribo da casa de Reza, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña mostra a súa “profunda decepción” polo fin da vivenda. 

CASA REZA
photo_camera Foto. ESAT

Como unha “profunda decepción polo final da vivenda” é a maneira na que a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña valora a total desaparición da vivenda unifamiliar en Reza construída polo profesor de Proxectos, Fernando Blanco Guerra en 1993. Reclaman que se teña en consideración o “valor patrimonial de obras de excelencia”. 

O derribo, que rematou o pasado 23 de xuño, supón, segundo a ETSAC, privou “ a unha familia do seu ben primario e a unha sociedade, a nosa, dunha obra esmerada e encaixada exemplarmente na escea rural-urbana de Galicia”. 

Valoran da vivenda a súa integración na paisaxe coa súa “tipoloxía escalonada exemplar para a circunstancia física de núcleos rurais periurbanos de topografía accidentada como é Reza”. Describen o deseño proxectado como Fernando Blanco como un traballo con valor propio na arquitectura residencial contemporánea, “ao facer do seu podio de granito albergue de dormitorios para obter unha planta alta diáfana que contén as zonas sociais da vivenda, cociña, comedor, e gran sala que contén un fermoso fogar de aceiro obra do escultor ourensán Luís Borrajo”. O escultor, membro do grupo Atlántica e finado hai agora dez anos, é un recoñecido autor tanto de obra privada como pública, en especial, na cidade de Ourense. 

“Cómpre unha reflexión de todos sobre o control urbanístico das nosas cidades e territorio, e o valor patrimonial de obras de excelencia”, conclúen.

Comentarios