A escena dramática volve a Lugo na XXI Mostra de Teatro Clásico

Lugo inaugura a súa vixésimo primeira mostra de Teatro Clásico na vindeira quinta feira, 4 de marzo. Teatro clásico para público adulto e familiar que se realizará no Auditorio Gustavo Freire, desde o 4 até o domingo 21 de marzo, todas as quintas feiras ás 20 horas, e sábados e domingos ás 18.30 horas.
Mostra de Teatro Clásico
photo_camera A concelleira Maite Ferreiro. (Foto: Nós Diario)

A vindeira quinta feira, 4 de marzo, comeza en Lugo a XXI edición da Mostra de Teatro Clásico, que estará integrada por nove pezas teatrais que se desenvolverán no Auditorio Gustavo Freire da cidade. “Por segundo ano consecutivo, apostamos por concentrar a mostra no mes de marzo para facer máis doada a afluencia do público e a difusión da Mostra”, explicou durante a presentación da mostra a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro.

“Case 50% das obras son de compañías de traxectorias contrastadas como Chévere, Producións Teatrais Excéntricas ou Elefante Elegante”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “incluiremos tamén a estrea absoluta de Quixote, de Pedras de Cartón, destinada ao público familiar que se achega á Mostra de Teatro Clásico”.

A área de Cultura pon á disposición do público un bono para oito representacións cun prezo de 35 euros. As entradas soltas terán un custo de 8 e 6 euros, agás as de Quixote cun prezo único de 5 euros; e aplicaranse descontos para as persoas desempregadas, xubiladas ou menores de 30 anos.

A programación

Inagura esta edición da Mostra Estrela do día de Excéntricas, o 4 de marzo ás 20 horas. O sábado 6 ás 18.30 horas chega Castelvines & Monteses de Barco Pirata e CNTC. E o domingo á mesma hora Quixote.

O día 11 é a quenda de Bojiganga, de Teatro del Cuervo, ás 20 horas; e ás 18.30 do sábado e do domingo, Dreaming Julliet, de Elefante Elegante e Celestina, la tragiclownmedia de La Escalera de Tijera, respectivamente.

As fillas bravas. O mito de Casandra chegan con Chévere o día 18 ás 20 horas. E fechan a Mostra o 20 ás 18.30, Hamlet de Teatro do Chapitó e o 21 á mesma hora, Andanzas e entremeses de Juan Rana, de Ron Ralá.

Comentarios