“Escavar é a mellor solución para preservar Guidoiro Areoso”

Escavar e musealizar é a proposta dun dos arqueólogos que estudaron o Guidoiro Areoso, un illote no medio da ría de Arousa que agocha debaixo da area tesouros megalíticos que están nunha delicada situación. 

mamoa-guidoiro
photo_camera Unha das mámoas de Guidoiro Areoso [Guidoiro Dixital]

Falamos con Elías López-Romero, un arqueólogo que comezou en 2013 desde a Universidade de Durham (Inglaterra) a estudar os xacementos arqueolóxicos de Guidoiro Areoso. Logo, xunto con outros colegas, creou o proxecto Guidoiro Dixital desde o que fan un seguemento fotográfico de como evolucionan as mámoas en perigo. Hoxe, xunto con outros expertos na materia, participa nun Encontro que organiza o Consello da Cultura sobre o tema. 

- Cal dirías que é o estado actual dos xacementos?
- É bastante delicado, e como saberás un deles, a mámoa 5, quedou destruída en 2013 e a mámoa 4 que ten un valo de protección que puxo Patrimonio e Costas, deteriorouse bastante. Aínda co valo o mar comeu bastante a fronte do xacemento, e comparando coas fotos que nos foron chegando antigas claramente a erosión foi moi moi grande. A erosión segue pero hai uns xacementos que están a sufrir máis que outros. 

- Porque aí hai dous perigos: a acción do humano e a erosión. 
- Si, pero a acción do humano, que saiu moito na prensa, desde o meu punto de vista é moi secundaria neste caso, porque o que está afectando sobre todo é o tema do mar e dos temporais. A xente que vai de visita evidentemente pode afectar un pouco o pisoteo da duna, pero o que é a eliminación da area da duna e parte do sedimento onde están os xacementos, iso faino o mar e os temporais.

- Ademais a parte norte é unha duna, móbil por definición. 
- Efectivamente, o feito de que a duna vaia ou veña afecta aos xacementos. 

"O principal problema non é a xente senón os temporais"

- E vós que proposta de protección achegades? 
- O ideal é escavar. Escavar é a mellor solución para preservar o que hai. O que pasa é que fan falta diñeiro e xente. Hai que facer a escavación e logo documentar todo o que poida haber: cerámica, ósos, todo o que poida aparecer, e documentar como son as arquitecturas das mámoas, os túmulos e os dolmens. 

- Como debería ser? Escavar e logo volvelo tapar? Porque logo non o podes deixar ao aire...
- Claro, os xacementos teñen estruturas de pedra, que son as laxes do dolmen, e logo o recheo, que poden ser ósos, cerámica, útiles de pedra, entón nunha escavación primeiro documentas todo o que sae. Todo o material que poidas levar, recóllelo e estúdalo no laboratorio e a arquitectura de pedra en principio habería que volver a tapala, aínda que se pode trasladar todo a un museo. Pero claro, iso é moito máis costoso. 

"Os xacementos que están peor hai que darlles preferencia para escavalos e salvar o que conteñen e trasladar toda a estrutura e musealizalos"

- Isto tédelo claro os arqueólogos? 
- Sempre o ideal é poder estudalo desta maneira, pero agora non hai cartos. Eu sei que desde Patrimonio están a incentivar este tema e seguramente desde alí se pode facer algo. E iso é o interesante da xornada de mañá [por hoxe], que se poidan debater todos estes aspectos. 

- E a nivel de medidas de protección da acción humana, cres que habería que melloralo?
- Creo que Patrimonio e Costas balizou para que non pasasen embarcacións privadas, e unha das medidas claras é intentar que non vaia tanta xente, pero o principal problema non é a xente senón os temporais, porque é a area a que está a protexer os xacementos e vaise rapidamente e deposítase noutro lugar. 

- A vosa aposta é que a única solución é excavar e levalos de aí, porque a curto ou medio prazo vai desaparecer...
- A curto non, pero a longo fixo que si, de feito a mámoa 5 xa se destruiu, pero as que están peor son a mámoa 4 que ten o valo e logo as cistas que son caixas funerarias máis pequenas, esas están xusto na zona que cubre a marea, e unha delas está destruíndose. Eu non digo que haxa que facelo todo de golpe pero os xacementos que están peor hai que darlles preferencia para escavalos e salvar o que conteñen e trasladar toda a estrutura e musealizalo. Pero se se musealiza ten que ser fóra do illote.

Comentarios