Estrea

O xogo coa realidade de ‘Eroski Paraíso’ chega aos cinemas galegos

Após as preestreas en Cans, Cineuropa e o Culturgal, a adaptación da obra teatral de Chévere Eroski Paraíso chega aos cinemas galegos esta sexta feira 13 de decembro. A equipa do filme apresentarao na sala Numax de Compostela ás 22 horas.
Eroski_Paraiso  00458 copia
photo_camera Fotograma de 'Eroski Paraíso'

Adaptar unha das obras máis celebradas de Chévere debe impor respecto. Jorge Coira, que asina o guión de Eroski Paraíso xunto a Xesús Ron, autor da orixinal, tiña claro que non emprendería tal aventura até “atopar unha forma de xogar dunha maneira semellante a como o facía a obra de teatro con esa xenialidade de que non existise a cámara”, explica en declaracións a Sermos Galiza.

“Debía atopar unha forma de xogar dunha maneira semellante a como o facía a obra de teatro”, explica Coira

Coira precisaba traducir Chévere con técnicas puramente cinematográficas. Así chegou ao punto sobre o que vira o filme: son as imaxes da cámara da portagonista, que intenta facer un documental sobre como se coñeceron seus pais na discoteca Paraíso de Muros, hoxe convertida nun Eroski.

Esta premisa sérvelle para elaborar unha peza que xoga constantemente entre o mundo do real e o representado, cunha naturalidade que bebe do intenso traballo actoral de Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira e Cris Iglesias.

Con todo, a película “non agocha a súa orixe teatral”, afirma Coira. Nese equilibrio prende a chispa que mantén acendida no filme a marca da casa Chévere para falar dese nós colectivo no que nos vemos reflectidos e dos cambios sociais que levan á transformación dos espazos de ocio en lugares de consumo.

Eroski Paraíso chega ás salas de cinema da Galiza esta sexta feira 13 de decembro. A equipa estará apresentándoa na sala Numax (Compostela) ás 22 horas, nunha sesión que irá seguida de coloquio.

Comentarios