sábado 18.01.2020
CRÍTICA DE CINEMA

'Eroski Paraíso', por Andrés Castro

Antonio e Eva coñecéronse na discoteca Paraíso en 1989. Esa mesma noite, Eva quedou embarazada e, pasados uns meses, casaron e tiveron a Alejandra. Trinta anos despois, Alejandra regresa á casa para filmar un documental sobre a vida de seus pais. Pero Antonio e Eva agora están divorciados, levan anos sen verse e a vella discoteca onde se coñeceran transformouse nun supermercado Eroski.

Fotograma de «Eroski Paraíso» (Chévere)
Fotograma de «Eroski Paraíso» (Chévere)

Unha das moitas curiosidades de Eroski/Paraíso é que está baseada na obra de teatro homónima do grupo Chévere pero, antes diso, foi concibida para ser unha peza audiovisual. Así que, após tres anos percorrendo os teatros do país, de parte do estado español e recalando en lugares tan insospeitados como París ou Braga, era bastante lóxico que acabara retomando a forma primixenia como película.

Dirixen Xesús Ron, director artístico da compañía Chévere e director da peza teatral, xunto con Jorge Coira (O ano da carracha, 18 comidas) que aporta o pulso e a visión cinematográfica. O resultado é un híbrido de metaficción capaz de superar calquera expectativa, por moi elevada que sexa.

Por suposto contan co mesmo trío protagonista da obra: Patricia de Lorenzo (Crebinsky), Miguel de Lira (A esmorga) e Cris Iglesias (Fariña). Nai, pai e filla respectivamente. A pequena familia mantén unha relación distante, froito do divorcio e do desarraigo da emigración. A xuntanza dos tres está provocada por un proxecto da filla, que se fixo cineasta en Barcelona, e quere filmar unha película sobre como se coñeceron os seus proxenitores na discoteca Paraíso, que agora é un supermercado Eroski. Entrementres o avó materno (Luís Martínez), con alzhéimer, observa detrás das cámaras. Pura metáfora...

O filme comeza descolocando un pouco ao persoal dunha maneira que me trouxo á cabeza o Dogville de Lars von Trier. En Eroski/Paraíso os decorados non están pintados no chan mais si que transcorre (case) todo nun decorado, nunha set de rodaxe con toda a cacharrada de cables, luces e equipo técnico. Ademais, ao principio, a pantalla aparece dividida en dous partes, con encadres e movementos de cámara imprecisos, como se estivésemos presenciando un making-of ou unha filmación caseira.

Unha vez captada a atención do público, e presentada a impulsora do proxecto cinematográfico (Alejandra/Iglesias), comezan as risas. O reencontro entre pai (Antonio/de Lira) e nai (Eva/de Lorenzo) é un verdadeiro esmendrelle. E non será o único gran momento. Hai moitos máis distribuídos entre os cinco capítulos que dividen un todo cheo de diálogos áxiles, naturais e retranqueiros aderezados con frases memorábeis e cheas de contundente lóxica... A do “pecado capital” é o “capitalismo” é soberbia.

O latente espírito teatral está completamente diluído en puro cinema que non prescinde, nin un ápice, das posibilidades da técnica audiovisual. Desde grafismo animado, exteriores, referencias ao xénero musical e, claro, a dirección de fotografía da pluriempregada Lucía Catoira Pan (Dhogs), que aquí comparte crédito con Fidel Vázquez, membro xa do equipo técnico da obra teatral. Ademais a banda sonora corre a cargo de Xavi Font (A sombra da lei) e a música no grupo muradán Terbutalina. A canción de Dirty Dancing pon o broche a xenial escena de baile catalizadora de toda a historia.

Unha película de humor que tamén conta con espazo para a reflexión a través de pequenas pinceladas da realidade que van aflorando tras os focos e o atrezzo. Aquí brilla con luz propia Patricia de Lorenzo que é capaz de mudar nun tris a expresión da súa personaxe, de eterno sorriso e risa contaxiosa, até o punto de contaxiarnos tamén a emoción. Aposto o que sexa a que as candidaturas aos Mestre Mateo acaban petando na súa porta.

Eroski/Paraíso fala de paraísos de mentira, de soños de xuventude feitos anacos, fala da carraxe, de rancor, de vivir nun sitio pequeno onde non se pode ser un mesmo, fala do desarraigo, da emigración, do apego, da familia, da memoria, do cheiro, do amor, do desamor... da vida. Fala de tantas cousas en tan pouco tempo que resulta abraiante que, por riba, sexa unha comedia.

Unha comedia atemporal, auténtica, reflexiva, emocionante, orixinal, sorprendente, divertidísima. A comedia total. Creará estilo.

Eroski /Paraíso

(Galiza 2019, 75 min.)

Dirección: Jorge Coira e Xesús Ron

Guión: Chévere

Fotografía: Lucía C. Pan, Fidel Vázquez

Música: Xavi Font

Elenco: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cris Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez, Ana Santos, Federico Pérez

comentarios