Ernesto Chao, novo presidente da Asociación de Actores e Actrices

Chao encabeza a nova Xunta Directiva da entidade, escollida por votación na asemblea celebrada o pasado domingo.  Mabel Rivera ocupa a vicepresidencia e Iria Sobrado asume a secretaría.

ernestochao
photo_camera Ernesto Chao

Ernesto Chao é o novo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Así o decidiu a Asemblea da entidade, celebrada onte domingo en Santiago. Pola súa banda, Mabel Rivera repite como vicepresidenta da entidade e Iria Sobrado mantense na secretaría. A Xunta Directiva complétase con Nieves Rodríguez, Laura Míguez, Diego Freire, Santi Romay, Machi Salgado, Martín Máez, Toni Salgado, Xavier Estévez, Marta Lado e Lucía Sá como vogais.

Ernesto Chao, un dos fundadores que en 1985 puxeron en marcha a AAAG, sucede deste xeito a Vicente Mohedano na presidencia dunha asociación que abre esta nova etapa encabezada por un grupo directivo que mestura caras novas e membros da xunta saínte.     

Desde a súa creación, a Asociación estableceuse como unha entidade sen ánimo de lucro con personalidade xurídica que actúa como organismo autoxestor e autónomo agrupando actores, actrices, directores e directoras de Galicia. Entre os seus obxectivos fundamentais figura a promoción dun sector galego da escena e do audiovisual ben artellado, así como a defensa dos dereitos laborais do seu corpo asociativo, constituído actualmente por preto de 300 socios e socias e mais do conxunto da profesión. O máximo órgano da asociación é a asemblea xeral, conformada polo conxunto dos asociados, que cada dous anos elixen unha xunta directiva -constituída por presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a e vogais- encargada de conducir a actividade da mesma. 

Comentarios