Outono editorial

Éric Vuillard e o peche da trioloxía de Pippi Mediaslongas, novidades de Faktoría K

A orde do día foi un dos últimos fenómenos literarios recentes. A novela do francés Éric Vuillard remexía no pasado nazi e ofrecía unha ollada distante da oficial: puña o foco sobre as complicidades das democracias co III Reich e o papel do gran capital no ascenso de Hitler. Faktoría K publicouna en galego o pasado ano. Agora recunca en Vuillard con A batalla de Occidente.
kalandraka
photo_camera O escritor francés Éric Vuillard e a actriz sueca Inger Nilsson no papel de Pippi Mediaslongas para unha serie de televisión. Fotos: cedidas.

Esta obra, orixinal de 2012 e unha das principais novidades dos selos de Kalandraka para este outono, debrúzase desta volta sobre a Primeira Guerra Mundial nun tecido realizado cos fíos da literatura, a política e a historia. A colección Vitamina N, inaugurada polo singular A Torre, de Antonio Sandoval, tamén terá novidades: acollerá o libro do estadounidense Richard Louv que lle dá nome e que se subtitula “guía esencial para unha vida natural máis rica”.

Outra das series de Kalandraka é a Biblioteca de Pedagoxía, dirixida polo historiador da educación Antón Costa. Neste tramo final de 2019 porá nas librarías Técnicas de Freinet na Escola Moderna, a compilación da proposta de aires libertarios do francés Célestin Freinet (1896-1966). A colección Tambo, dedicada á poesía, reimprimirá Feliz Idade, de Olga Novo, que este 20 de setembro se presentará na libraría Chan da Pólvora en Compostela.

Ás pequenas e pequenos
O terceiro volume da triloxía de Astrid Lindgren sobre Pippi Mediaslongas, aquel que a leva aos Mares do Sur e saíu de primeiras en 1948, será outra das novidades centrais de Kalandraka.

No apartado de albums ilustrados, Kalandraka abre a tempada con tres: O lobo de area, de Asa Lind e María Elina; O colar de bágoas, de Franca Perini e Anna Pedron; e Bechopoemas e outras bestas, de Leire Bilbao e Maite Mutuberria. Ao tempo, abre a colección Makakiños -iniciativa da asociación BATA de Tratamento do Autismo- en galego con A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella e Nicolás cociña sen lume.

Comentarios