Crítica de cinema

'Era unha vez... en Hollywood', por Andrés Castro

eraunhavez1
photo_camera Once Upon a Time... in Hollywood

Era unha vez... En hollywood

Once Upon a Time... in Hollywood

(EUA-Reino Unido-República Popular da China 2019, 161 min.)

Dirección e guión: Quentin Tarantino

Fotografía: Robert Richardson

Elenco: Leonardo DiCaprio, Brad Pitt, Margot Robbie, Emile Hirsch, Al Pacino, Kurt Russell, Margaret Qualley, Timothy Olyphant, Julia Butters, Bruce Dern, Mike Moh, Luke Perry, Austin Butler, Damian Lewis, Nicholas Hammond, Rafal Zawierucha, Lorenza Izzo, Zoë Bell, Maya Hawke, Rumer Willis, Michael Madsen, Damon Herriman.

SINOPSE

Rick Dalton é unha estrela da televisión con aspiracións a estrela de cine. Vai a todas partes xunto o seu inseparábel dobre de acción e vive nunha mansión en Hollywood. xusto ao lado do matrimonio formado por Roman Polanski e Sharon Tate. Corre o ano 1969.

eraunhavez2CRÍTICA

Pódese dicir que Hitchcock inventou aquilo de: “spoilers non!!”. Antes da estrea de Psicose o público era advertido das condicións para ver o filme. Unha delas era a de “non revelar nada ao saír”.

Case 60 anos despois, e co tema do spoiler latente, en parte, “grazas” a Xogo de Tronos, Quentin Tarantino fai algo parecido. Antes da premiere en Cannes de Era unha vez... en Hollywood, Tarantino, a través das redes sociais, pediu á audiencia non facer spoilers. O comentario rezaba así: “Amo o cinema, amades o cinema. É a viaxe de descubrimento dunha historia por vez primeira [...] O elenco e máis o equipo traballou moi duro para crear algo orixinal, e só pido a todo o mundo que evite revelar calquera cousa que impida ao público posterior experimentar o filme da mesma maneira. Grazas”.

A novena película (en solitario) de Tarantino é unha desas rara avis das que é imprescindíbel ir virxe. Sen saber nada. Sen escoitar nada. Sen ler nada...

Eu non cambiaría nin unha coma. A novena película (en solitario) de Tarantino é unha desas rara avis das que é imprescindíbel ir virxe. Sen saber nada. Sen escoitar nada. Sen ler nada... Como moito a sinopse, o elenco e, se tal, tamén as cancións seleccionadas por Tarantino. Polo demais... silencio sepulcral. Creo que a última vez foi con Doghs (2017, Andrés Goteira), pero é un gusto poder volver dicir aquilo de: “o número de spoilers son inversamente proporcionais á calidade do filme”.

A historia está ambientada nunha época cambiante de Hollywood e cun suceso da crónica negra como pano de fondo: os asasinatos da “familia” de Charles Manson. Tarantino atrévese con todo... e o certo é que sae airoso nun tema que podería supoñer unha enorme pedra na súa carreira. De maneira maxistral mestura comedia, acción, western, suspense, terror... fai chanza de Hollywood ao tempo que lle fai unha homenaxe memorábel. Para á posteridade. Atención á recua de noemacións aos Óscar que lle agardan.

Leo DiCaprio está sublime. Brad Pitt á altura. Margot Robbie, xenial. Margaret Qualley (a daquel anuncio de Kenzo World dirixido por Spike Jonze) impresionante. Bruce Dern e Al Pacino, coma sempre, grandes... e ademais aparece un irrecoñecíbel Luke Perry (polo ben que está) no seu derradeiro filme. Tamén cameos de Kurt Russell, Michael Madsen, Zöe Bell, a dobre de acción de Uma Thurman, ou Maya Hawke (Stranger Things), a filla de Ethan Hawke e Uma Thurman... unha auto-chiscadela moi tarantiniana que se une a unha morea máis que habitan ao longo da fita... desde Django desencadeado até Malditos Bastardos pasando por Kill Bill ou Death Proof.

Vaian ver Era una vez... en Hollywood sabendo o menos posíbel e gocen do filme máis persoal, e un dos máis redondos, de Quentin Tarantino 

No tocante ás cancións elixidas, de novo Tarantino fai unha desas seleccións idóneas para un disco de “variadiños” do coche: Deep Purple, Neil Diamond, os Rolling Stones, The Mamas and the Papas, Joe Cocker ou Aretha Franklin, entre outros e outras... Unha banda sonora ad hoc que nos traslada automaticamente aos anos 60, á década na que se desenrola o filme. Por descontado tamén axuda a situarnos na época a impecábel dirección de fotografía de Robert Richardson (gañador de tres Óscar) así como o abraiante deseño de produción, de vestiario, de decorados e de arte... Atención aos carteis ficticios dos filmes de DiCaprio. Auténticas pezas de coleccionista desde xa.

Tarantino fai o seu particular 8 ½ onde deixa patente as súa filias e fobias. Cine dentro de cine co foco posto no oficio actoral a través da faciana do enorme Leonardo DiCaprio, quizais o mellor actor da industria norteamericana do momento. Ao nivel de Meryl Streep en canto a versatilidade. Un rol de actor que lle acae como unha luva e tan humano que consegue desmitificar unha profesión, quizais, demasiada idealizada cando, no fondo, son persoas cheas de inseguridades; casos claros de contrafobia mesturada con falta de apego.

O dito ao principio. Vaian ver Era una vez... en Hollywood sabendo o menos posíbel e gocen do filme máis persoal, e un dos máis redondos, de Quentin Tarantino. Unha auténtica xoia. Desas que saes cun inusual entusiasmo e coa sensación de acabar de ver algo orixinal, irrepetíbel. Iso si, ao saír non revelen nada. A ninguén. Pero queden até o final dos títulos de crédito. Non se arrepentirán...

Comentarios