A equipa de “A Esmorga” fixa como obxectivo encher os cines na fin de semana da estrea

Encher os cines de cidades e vilas. É o obxectivo da equipa de A Esmorga para a fin de semana da súa estrea que terá lugar a sexta feira 21 de novembro. Unha campaña sen precedentes no cine na Galiza contribuirá a conseguilo. 

A Esmorga nos autobuses
photo_camera A Esmorga nos autobuses

A campaña para promocionar A Esmorga e conseguir o obxectivo de encher as salas de cine de cidades e vilas na primeira fin de semana da súa estrea xa está en marcha. Os autobuses rotulados co cartaz do filme son só un exemplo da xenerosa campaña que ocupa mupis e outros soportes visíbeis para anunciar que o novo traballo de Ignacio Vilar está a piques de chegar ás pantallas grandes. 

Se singular é xa unha longametraxe que ten como lingua orixinal o galego, única será o esforzo na súa distribución e promoción. A Esmorga conseguiu entrar nas salas de cinema abertas en vilas e cidades, incluídas as das grandes cadeas, espazo acoutado normalmente polas majors. Que a primeira fin de semana encha as salas é de especial importancia para a produción galega porque diso dependerá a súa duración nas salas comerciais. 

Co fin de que o importante esforzo en distribución en produción consiga a resposta do público, a equipa dirixida por Ignacio Vilar non terá parada nos vindeiros días. Como aconteceu nas anteriores producións do director galego mais aínda con máis forza, todo o equipo artístico participará nunha intensa promoción que ten no encontro directo co público un dos seus principais eixos. 

Centros de ensino e asociacións

O día 15 a película estrearase no Festival Internacional de Cine de Ourense cunha proxección ás 20.30 horas e significará tamén o inicio dunha intensísima semana para a equipa da película que se estreará nas salas comerciais a sexta feira 21 de novembro. O procedemento será o mesmo nas sete cidades do país, á mañá nunha conexión en directo, os actores e o director do filme poranse en contacto co alumnado de centros de ensino da comarca ou provincia grazas a unha conexión de R preparada para a ocasión. Pola tarde, o encontro desenvolverase con asociacións e entidades sociais de maneira que o encontro co público será neste caso un dos principais eixos para dar a coñecer o filme. Ourense, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo ou Santiago de Compostela son as cidades nas que está previsto que se repita a xornada de contacto da equipa co público escolar ou xeral. Ademais, actores e director de A Esmorga participarán noutros actos que servirán para a promoción do filme como a entrega do Premio de Novela Blanco Amor que terá lugar o día 22 en Redondela.

Comentarios