Lanzan 'O equilibrio dos extremos': versos novos para Xela Arias

A figura e o legado de Xela Arias continúa a celebrarse no seu Ano das Letras.
A poeta Alba Cid nun retrato para o proxecto "O equilibrio dos extremos", do Consello da Cultura Galega (Foto: CCG).
photo_camera A poeta Alba Cid nun retrato para o proxecto "O equilibrio dos extremos", do Consello da Cultura Galega (Foto: CCG).

A figura e o legado de Xela Arias continúa a celebrarse no seu Ano das Letras. Desta volta, Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos rendéronlle homenaxe a través do proxecto “O equilibrio dos extremos”, lanzado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha iniciativa que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias, loada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. 

Da web ao prelo

O proxecto, que naceu como un espazo web co gallo do Día Mundial da Poesía, alcanzou agora a versión impresa. Xa feito libro, O equilibrio dos extremos, unha coidada edición ao cargo de Apiario, presentouse onte na sede do CCG cun recital poético no que as e os autores participantes leron os seus poemas e os de Xela Arias.

O equilibrio dos extremos  toma o seu nome dun poema da autora de Intempériome. As escollas realizadas polos poetas que conforman esta publicación son diversas e axudan a percorrer o legado da autora. Entre eles, Lois Alcayde Dans inspirouse no poema sen título de Denuncia do equilibrio para confeccionar “Unha nova atea”. Mais é Intempériome a obra que máis motiva nesta antoloxía. Diferentes textos levaron a poeta Alba Cid a escribir “Lava, luz de Bengala”, a Berta Dávila, que compuxo “A froita”; mais a Alicia Fernández e Ismael Ramos, que propoñen cadanseu poema sen título.

En De tigres coma cabalos Xela Arias propuxo “II. Monólogo adicto”, que Gonzalo Hermo pon en diálogo con “A rabia”; mentres que Tamara Andrés optou por "Vente" para crear o seu “Huis clos”. Xa da emblemática Dorna, Rosalía Fernández Rial escolleu "Que lugar", que a inspirou a escribir "Onde aplaque a marea".

"Soldados" é o título do poema que Arias publicou no Boletín Galego de Literatura en 1994, sobre o que traballou Antón Blanco para realizar "Dos xinetes nas cuíñas a quen lles descía polos ollos unha sombra de caeren mortos". A poeta Arancha Nogueira botou man dese mesmo número da revista, mais fíxandose nun poema sen título para compor o seu "Espazo en branco".

Até A Nosa Terra viaxou Miriam Ferradáns, quen escolleu "Na xanela desde abril", publicado en 1984, para escribir "Na xanela desde marzo".  E, finalmente, o escollido por Oriana Méndez foi un texto publicado en 1983 no Faro de Vigo, ambos os dous sen título.

Videocreación con Miramemira

Por outra banda, a produtora Miramemira realizou unha videocreación que fusionaba este material. O resultado é unha peza audioviusal que condensa a esencia desta ducia de creadores e creadoras a propósito dunha das voces máis renovadora e vangardista da poesía galega.

O recital virtual abriu as actividades organizadas polo Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas e agora é tamén un dos eventos de feche da programación deste ano dedicado a Xela Arias e que concluirá en Sarria, localidade de nacemento da autora, na vindeira quinta feira 7 de outubro

Comentarios