A mascarada galega chega a Bulgaria da man do entroido de Samede

O entroido de Samede dispúñase a viaxar a Bulgaria para participar no Surva, o Festival Internacional de Máscaras de Pernik, como únicas representantes da Península. Porén, a insalubridade da auga na cidade obrigou a suspender o evento.
Vixigueiros do entroido de Samede (H. Pena)
photo_camera Vixigueiros do entroido de Samede (H. Pena)

Unha mala noticia chegaba na mañá da cuarta feira 8 de xaneiro para a veciñanza de Samede, lugar da parroquia de San Xiao no concello de Paderne (comarca de Betanzos). O seu entroido fora seleccionado como único representante da Península no Surva, o Festival Internacional de Máscaras de Pernik (Bulgaria), cita que transforma a cidade na capital europea das mascaradas. Porén, este ano as autoridades víronse na obriga de suspender a 29ª edición, programada de 24 a 26 de xaneiro, por mor das restricións da auga na rexión —ante a falta de subministro do embalse de Studena— e os consecuentes riscos que a súa calidade representaría.

Emilia Cagiao, máis coñecida como Miluca de Moreiras, da asociación Entroido de Samede, declara a Nós Diario o duro broucazo que supón esta cancelación, pois xa pagaron polos billetes de avión 4.600 euros que non poden recuperar. Por iso, decidiron facer a viaxe igualmente. 

O convite resultaba especialmente emocionante debido ás particularidades desta pequena celebración do norte da Galiza, que até hai por volta de seis anos camiñaba cara á extinción

Para alén da problemática económica que implica a supensión, Cagiao destaca a profunda "decepción" que supón para a asociación da que fai parte. "A nosa ilusión era ver o festival", comenta con magoa. O convite resultaba especialmente emocionante debido ás particularidades desta pequena celebración do norte da Galiza, que até hai por volta de seis anos camiñaba cara á extinción.

Aínda que se falou de trasladar a celebración a Sofía, a organización do festival manifestou que prefire que este ano non se celebre a que se faga noutra urbe. Con todo, o máis probábel é que remate por facerse un desfile non oficial na capital, segundo conta Cagiao.

Comentarios