Entidades de todo o país danse cita en Outeiro no Convivio da Cultura Galega

Outeiro de Rei acolleu un ano máis o Convivio da Cultura Galega, organizado pola Federación Galiza Cultura conxuntamente coa Casa-Museo Manuel María. Nos debates da mañá acordouse a programación da federación para o vindeiro ano e dirixirse á Real Academia Galega para volver solicitar, ao non haber resposta, a prolongación a 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero. A federación tamén comunicará á Academia o seu acordo unánime de continuar coa programación dedicada a Calero durante todo o ano que vén.
Reunión das entidades culturais no sétimo Convivio da Cultura Galega
photo_camera Reunión das entidades culturais no sétimo Convivio da Cultura Galega

A sétima edición do Convivio da Cultura Galega decorreu este sábado, 26 de setembro, en Outeiro de Rei, organizado pola Federación Galiza Cultura conxuntamente coa Casa-Museo Manuel María.

A xornada iniciou pasadas as 11 horas cunha ofrenda a Manuel María no cemiterio de Outeiro, para dar logo paso ao encontro das entidades culturais pertencentes a Galiza Cultura, onde se abordou o estado da cultura nacional e o papel do asociacionismo de base no actual contexto, a celebración das Letras Galegas 2021 e o desenvolvemento da programación da federación para o presente ano e o que vén.

Após os debates decorreu un xantar de confraternidade e ás 16 horas, na horta da Casa-Museo Manuel María, Quico Cadaval levou a cabo a narración oral O complexo de Edipo.

A pesar do anómalo da situación -o convivio celébrase sempre en xullo mais este ano tívose que adiar pola pandemia a setembro- asistiron múltiples asociacións culturais de todo o país, desde a Francisco Lanza de Ribadeo á Vagalumes da Estrada, pasando por Medulio de Ferrol, varias entidades da Coruña, Arzúa, Santiago...

Os debates

A presidenta de Galiza Cultura, a profesora e escritora María Pilar García Negro, explica a Nós Diario as conclusións do debate decorrido no convivio entre as entidades culturais de base.

“Deuse conta da programación que se puido realizar e que estivo centrada ao redor da exposición dedicada a Nós que organizou Galiza Cultura en Santiago, na Coruña e en Lugo. Está prevista a súa celebración noutras localidades do país, como Ponteareas”, sinala.

Así mesmo, informouse da homenaxe a Anxo Casal que se promove desde Arzúa “mais que asume Galiza Cultura como un evento nacional”, sinala García Negro.

A federación ademais celebrará “como grande autor teatral, coa edición da súa obra, o dramaturgo Manuel Lourenzo”.

A presidenta da federación subliña que se insistiu “no carácter nacional de todas as nosas iniciativas” cun obxectivo galeguizador e de conciencia nacional.

Carvalho Calero

Hai seis meses que Galiza Cultura se dirixiu á Real Academia Galega (RAG) para que, á vista de todas as irregularidades, suspensións e modificacións dos actos de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero por mor da pandemia, fose considerada a prolongación ao ano 2021 da dedicación do Día das Letras Galegas a Celero.

García Negro, que celebra que outras entidades tamén solicitasen o mesmo á RAG e que Nós Diario mantivese unha información continuada sobre Calero con posteridade mesmo ao mes de maio, sinala que a federación acordou por unanimidade dirixirse de novo Á RAG para reiterar a petición (non contestada aínda).

Ademais comunicarase á Academia a decisión unánime de Galiza Cultura de continuar coa programación dedicada a Calero en 2021, “con independencia do que a Academia decidir”.

Ofrenda a Manuel María

Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, interviu na ofrenda ao escritor, salientando que “levabamos 16 anos sen o cariño de Manuel María”, e que o tempo lévanos “á desaparición física e á destrución dos nosos corpos pero nunca pode levar á destrución da nosa memoria, porque a memoria debe permanecer no colectivo e comunal”.

En conversa con Nós Diario, Ansede sinala que ese precisamente é o sentido da ofrenda: “recordar o escritor e o patriota que nos deixou a súa xenerosidade no plano persoal, o seu compromiso no plano cultural, social e político e o seu talento como escritor, deixando unha obra que percorre todas as correntes líricas da segunda metade do século XX na poesía, que ten achegas moi importantes na narrativa e no teatro, e cuxas colaboracións xornalísticas son un verdadeiro compendio da cultura galega”.

“En Manuel María”, engade Ansede, “atopamos a voz que fere e a voz que aloumiña, a voz que defende con contundencia rescatar a normalidade do noso idioma, con aquela voz lírica e cálida que é capaz de descubrirnos o misterio da biografía dunha folla. A voz contundente dos Poemas para construír unha patria coa voz amorosa e íntima dos versos da Labarada estremecida”.

Comentarios