Ensemble Hotteterre. Un proxecto de dignificación da cultura nacional

O secretario da Fundación Vicente Risco, Luís Martínez-Risco Daviña, achéganos á iniciativa da Ensemble Hotteterre coa "Officina Utricularii" que forma virtuosos da gaita de fol na interpretación da música erudita. 

Ensemble Hotteterre
photo_camera Ensemble Hotteterre

Polo mes de maio Paulo Gonçalves impartía en Allariz unha conferencia-concerto baixo o suxerente título de A gaita de fole na música erudita. Unha conferencia que, á hora da verdade, resultou ser un chamado en contra da minusvalorización que se está a facer do que, quizais, sexa o máis coñecido, e recoñecido, dos nosos instrumentos musicais. Tal vez o instrumento nacional por excelencia: a gaita de fol.

Na súa reivindicación do instrumento para a música erudita, Paulo partía das seguintes premisas: A actitude do espectador ante o instrumento e, a actitude das propias autoridades académicas.

"Lanzamos o reto ao Paulo de impulsar un grupo de traballo que tivese como finalidade interpretar esa música erudita que, entendemos, contribúe no necesario esforzo de que a cultura galega acade os rexistros máis variados". 

Comezando polo último, disertaba o conferenciante que introducir a gaita nos conservatorios para limitala a interpretar muiñeiras “jotas” e “pasodobles”, é un esforzo inútil. Para isto, non fai falla moita formación musical. E para exemplo, a multitude de gaiteiros, practicamente analfabetos, que ao longo dos séculos tocaban para os seus veciños. Introducir un instrumento no conservatorio implica dignificalo, elevalo até a máxima erudición posíbel. Certo que esixe de esforzo, e neste caso concreto do esforzo investigador de recuperar, non só composicións, senón que tamén a técnica interpretativa que as propias composicións esixen ao instrumento. Labor, por certo, à que o Paulo leva entregado unha serie de anos.

Respecto da actitude do público. A un violín, clarinete, caixa, bombo, ou calquera outro instrumento, o publico ben sabe que esperar del cando está ante unha charanga, unha banda, un grupo de jazz, unha sinfónica ou un grupo de cámara. Coa gaita, tal non acontece. Todos esperamos, de entrada, música folclórica ou popular (que exactamente non ven sendo o mesmo)

E aos asistentes á conferencia, Paulo os sorprendeu cun fermoso e delicado repertorio do renacemento e do barroco, cando a gaita de fol formaba parte dos instrumentos de grupo de cámara nas cortes de reis e nos redutos de erudición da Igrexa e da nobreza.

Após da conferencia-concerto, lanzamos o reto ao Paulo de impulsar un grupo de traballo que tivese como finalidade interpretar esa música erudita que, entendemos, contribúe no necesario esforzo de que a cultura galega acade os rexistros máis variados. Aqueles que van dende a recolla da expresión máis popular até a máis elitistas. Tal e como acontece con calquera outra cultura que pretenda transitar do particular ao universal (que non global).

Xa a finais de setembro, comezou o grupo a reunirse na sede da Fundación Vicente Risco cada terceiro fin de semana de cada mes, durante o ano escolar. Non só para ensaiar, senón que tamén para levar adiante o proxecto docente Officina Utricularii (prema para obter información) no que virtuosos da gaita de fol reciben aulas para a súa interpretación na música erudita.

Aqueles que asistiron ao CULTURGAL 2014, e asistiron ao ESPAZO CARPA ás 12:30 horas do pasado domingo7 de decembro, saben do que estou a falar. Os que non puideron asistir e os lectores desta edición virtual de Sermos poden escoitar, prema nos Preludes G. Re, Sol, 3ce. Majeure  de Jacques Hotteterre (1673 — 1763)   interpretados polo propio Paulo. Supoño que comprenderán ao que me estou a referir.

Haberá quen se pregunte se é obxecto dunha Fundación este labor de apoio a iniciativas como as de Ensemble Hotteterre. Dende a Fundación Vicente Risco cremos que si. Por dous motivos fundamentais. Don Vicente gustaría que contribuísemos a levar aos máximos niveis de erudición a nosa cultura. E don Vicente aplaudiría unha iniciativa neste sentido que partise de xente nova, que é o futuro do páis. El propio o fixo apoiando con entusiasmo aos denominados Artistiñas. Os tristemente desaparecidos Xaime Quesada, Xosé Luís de Díos, Virxilio ou Pepe Conde Corbal, así o confirmarían. Como tamén aqueles que, afortunadamente, como Acisclo Manzano ou Arturo Baltar, están entre nós.

Comentarios