venres 07/05/21

Un ensaio que cativa en máis de 30 países: A abraiante historia dos libros

É un dos grandes éxitos de vendas da tempada: O infinito nun xunco, de Irene Vallejo (Xerais), estabelece un diálogo entre o pasado e o presente para relatar os comezos da palabra escrita, do libro. Un ensaio sobre a historia dese artefacto, o libro, que non é senón o espello no que se reflexan as contradicións da Historia.
Irene Vallejo, autora de 'O infinito nun xunco'. (Foto: Santiago Basallo)
Irene Vallejo, autora de 'O infinito nun xunco'. (Foto: Santiago Basallo)

Un ensaio de 400 páxinas sobre a historia do libro na Grecia e na Roma clásicas. Se cadra, non parece un volume que vaia espertar grandes paixóns, máis alá dun grupo de eruditos e curiosos interesados nese obxecto interesadamente esquecido: o libro. E non obstante, O infinito nun xunco, da zaragozana Irene Vallejo, leva impresas máis de trinta edicións, traduciuse a máis de trinta linguas e gañou un aluvión de premios entre os que destaca o Premio Nacional de Ensaio.

Talvez porque a nosa civilización se construíu arredor do libro como a pedra angular da transmisión de coñecementos e como o fundamento da nosa memoria, ou talvez porque a pandemia deixou espazo e tempo para facer incursións en territorios que habitualmente postergamos para un mellor momento, o libro de Vallejo, agora traducido e publicado por Xerais, constituíu un dos fenómenos editoriais destes alborotados tempos.

O segredo, probabelmente, reside en formular a historia dese artefacto -“un corredor de fondo”, segundo a autora- como un diálogo entre o pasado e o presente: relaciona a Sócrates co efecto Google; fálanos de Goethe, de Mao Zedong e de Walt Disney; interpreta o Premio Nobel a Dylan como unha homenaxe aos oradores e bardos que mantiveron viva a oralidade; vincula a noción de palimpsesto coa película de Christopher Nolan Memento; estabelece paralelos entre Alexandría e Saraxevo... Marcial, Esquilo e Calímaco alternan con Lord Byron, Italo Calvino e Raymond Chandler para elaborar unha coidada historia dos libros que alterna a anécdota curiosa co dato erudito e vai dando conta dunha epopea que mantén a súa épica no presente: non faltan as reflexións sobre a anunciada morte do libro, sobre o seu desprazamento polos omnipresentes aparellos electrónicos que ateigan hoxe a nosa existencia.

O infinito nun xunco está colmado de moitas outras cousas abraiantes e conmovedoras: a rebelión de Sulpicia, unha poeta da época de Augusto, contra a moral sexual do seu tempo; o descubrimento dos graffiti como “un dos sucesos máis innovadores que experimentou o alfabeto romano” e que se corresponde coa apropiación da escrita por parte dos máis humildes; a revelación de que o exemplo máis remoto de escritura alfabética é un verso que fala de danza. 

A autora foxe do estilo académico para adoptar o ton dunha narradora que pon orde nas súas lembranzas: “O caos das librarías parécese moito ao caos dos recordos”, di, e con ese fundamento vai fiando anécdotas e historias que, sen perder rigor, fan da lectura unha experiencia atractiva que recrea distintos espazos, épocas, personaxes e atmosferas.

A cultura como contradición

En realidade, o ensaio de Vallejo xoga con esa contradición que emana de mitificar a cultura libresca e, ao tempo, ser consciente de que a lectura non é necesariamente unha actividade emancipadora: pode consolidar o estabelecido e mesmo reforzar o poder e a autoridade. 

O que Walter Benjamin enunciou coa célebre frase que sentencia que “non hai documento de cultura que non sexa tamén un documento de barbarie” segue a espertar un atractivo que o mesmo pode estimular unha reflexión seria sobre a cultura que xerar un relato compracente e acrítico que se recree no anecdotario. 

A autora, non obstante, avisa de que “calquera visión edulcorada ou reverencial da cultura é inxenua, ademais de estéril”, e por máis que faga da anécdota a unidade básica do seu ensaio, non deixa de revelar un discurso ben estruturado que enfronta algúns dos interrogantes básicos sobre a relación entre a historia do libro como obxecto e a crónica do pensamento como reflexo das relacións de poder. A primeira obra literaria en latín naceu uns meses máis tarde da vitoria de Roma sobre Cartago, o que talvez nos poida inducir a pensar sobre a relación entre literatura e imperio. E xa sabemos que na Alemaña nazi arderon os libros antes de se pór en funcionamento os fornos crematorios. 

O esplendor da literatura de evasión e consumo entre os séculos I e III tamén nos pon sobre a pista da correspondencia entre o libro e o mercado: seguramente moitas persoas se sorprenderán ao saber que Ovidio publicou un libro con consellos de cosmética para mulleres ou que as biografías de Suetonio están saturadas de ruxerruxes que revelan unha aceptación máis que gustosa dun público popular e amante da murmuración e a rexouba. 

En todo caso, o libro segue a ser un excepcional foco onde se proxectan as nosas máis variadas esperanzas. Falando da famosa pregunta sobre que libro nos gustaría levar a unha illa deserta, Vallejo homenaxea a Chesterton, que deu a mellor resposta coñecida: “Nada me faría máis feliz que un libro titulado Manual para a construción de lanchas”.

O perigo da desaparición

O xunco é a planta da que se extrae o papiro, o comezo dun invento -volumina, códices- capaz de albergar toda a sabedoría e a beleza, mais sempre en perigo de desaparecer por mor do lume, da humidade, dos insectos e, sobre todo, da violencia exercida polos inimigos da memoria. 

comentarios