DANIEL MOREIRAS, AUTOR DA "PALE TILLA" DE "PÁRAMO PICTURES"

“A Enrique Iglesias déronlle 302.000 euros e nós gastamos 150 en facer a parodia en galego”

Son os autores do vídeo do momento, da parodia “galega” do videoclip de Enrique Iglesias que arrasa nas redes. Daniel Moreiras explícanos canto gastaron e como elaboraron a nova produción da Páramo Pictures, autores tamén do vídeo máis visto da historia da música galega. 

Daniel Moreiras
photo_camera Daniel Moreiras

-Con tantos éxitos, preguntámonos que hai detrás da Paramo Pictures?

Pois é un xogo de palabras, buscando paralelismo coa gran produtora que todos coñecemos. Unha das compoñentes, María, é do Páramo e por iso lle puxemos este nome. 

-Por que se botan a facer parodias á galega de cancións de suceso mundial?

Empezamos por casualidade. Iván, un dos compañeiros, é moi afeccionado ao cine e eu son cantante de orquestra. Fixen unha parodia de Gangnam Style, o videoclip máis visto na historia de youtube que tiña para cantar coa miña orquestra e animámonos a facer unha curta para pasalo ben. Gustounos a experiencia e continuamos. Fixemos a parodia do Wrecking Ball de Miley Cyrus, que lle chamamos Ferti mon e a parodia de Adrenalina á que lle puxemos Bertolina. Comezamos tamén unha webserie da que estreamos só un capítulo. Ah! De cara a fin de ano publicamos unha canción propia pero tivo menos repercusión. De todas maneiras, pasámolo ben igual que é o que buscamos. Iso e reivindicar o noso. Facemos humor galego e en galego e diso non nos queremos mover. 

-Estamos a falar de milleiros de visitas en cada un deles...

Bertolina é o vídeo musical en galego máis visto da historia. Supera o millón e medio de visitas. O Ferti mon anda preto das 700.000. Que eu saiba, o que máis tiña é o de “Un canto a Galicia” de Julio Iglesias que debe andar por algo menos. 

-E con ese aval do público, por que non se profesionalizan?

Porque os nosos políticos subvencionan artistas que non son galegos. A verdade é que ninguén nos chama e nós temos o noso traballo así que non nos imos dedicar a isto polo de agora. Eu son cantante de orquestra, Iván é profesor de Instituto e María, que tamén foi cantante de orquestra, rematou Enxeñeira Agrícola e agora está a estudar Psicoloxía. 

"Bertolina é o vídeo musical en galego máis visto da historia. Supera o millón e medio de visitas. O Ferti mon anda preto das 700.000". 

-Como decidiron “atacarlle” ao vídeo de Enrique Iglesias? 

Desde que nos enteramos de que Enrique Iglesias ía vir a Galiza rodar o vídeo comezamos a pensalo. Logo vimos o da subvención e quedamos á espera de se o resultado merecía a pena. Cando o vimos pensamos que se lle podía sacar partido e era tamén unha forma de dar a coñecer o vídeo orixinal, para que a xente soubera o que fixeran. Era para facer o paralelismo entre os 302.000 que lle deron a Iglesias e os 150 que nós gastamos en bebidas e uns aperitivos que lle dimos aos voluntarios que participaron. 

-Como foi a elaboración da parodia? Fixeron convocatoria, guión previo...?

Nada máis saír a canción fixen a letra, en pouco tempo. Expúxenlla aos meus compañeiros e gustoulle. Dous músicos, Sueiro e Chis, ofrecéronse a colaborar con nós e fixemos a gravación da música. Logo fixemos tamén unha convocatoria en facebook para que asistira xente pero non todo o que quixera porque a palleira ten un límite. Ao final aceptamos unhas 80 persoas, menos das que querían colaborar no vídeo. 

-Converter a palleira nunha discoteca leva os eu esforzo... 

Eu traballo nunha orquestra e pedinlle colaboración aos meus xefes que me axudaron tamén a preparar a palleira, adecentala, colocarlle as luces... Logo metemos un remolque enganchado a un tractor servindo de escenario aos djs e a xente bailando. 

-Se o obxectivo era pasalo ben, conseguírono?

Por suposto. Ese é o primeiro motivo para facelo. Desde que comezamos segue a ser o mesmo obxectivo, mentres non haxa alguén que nos pague...

-A palleira, o fertimón, o tractor... o seu é humor rural?

Humor rural, humor galego.. un tipo de humor que estaba sen explotar e aí radica o éxito do que facemos. Do primeiro ao último están cargados de retranca. 

-Cantos días tardaron en producir a parodia de Iglesias?

Se falamos de días intensivos serían catro ou cinco mais realmente non foi todo seguido porque cadaquén ten o seu traballo e Iván está en Cee, onde é profesor, durante a semana. O que é a gravación do audio foi unha tarde e o vídeo foron dous días case completos. 

-O videoclip levantara moito enfado, é bo tornalo risa?

É o máis san que hai. Desde aí pódese facer reflexionar, desde o humor. Desde a ira non se resolve nada. 

-A Xunta xustifica os 302.000 euros dados a Enrique Iglesias polas veces que é visto compartido nas redes sociais. Canto habería que pagarlle a vostedes?

Que sei eu! Nós facemos isto porque non hai quen o faga. Nós non contamos con que nos paguen nada, agora, ver os vídeos vense moito. É unha mágoa que sexamos tres chavales da provincia de Lugo os que fagamos isto e non haxa ningún apoio das institucións. Nós facémolo porque nos sae así, para reivindicar a nosa terra e as nosas cousas. A retranca é moi propia da Galiza. 

-Contan con que a TVG os chame visto o público que sigue as súas producións?

Agora imos facer unha colaboración co programa Land Rover de Roberto Vilar e Touriñán facendo unha parodia, mais son cousas eventuais das que non cobramos nada. 

Comentarios