Enma Pedreira gaña o Premio Gonzalo López Abente con “S/T”

A escritora Enma Pedreira é a gañadora da terceira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente coa obra “S/T”. A poeta, un dos nomes de referencia da coñecida como xeración dos 90, suma un máis aos moitos galardóns da súa traxectoria. 

enmapedreira
photo_camera enmapedreira

O Premio de Poesía Gonzalo López Abente recaeu nun dos máis destacados nomes e unha das xa máis premiadas poetas da chamada xeración dos 90.  O libro “S/T” de Enma Pedreira foi celebrado por unanimidade por un xurado composto polos poetas  X. H. Rivadulla Corcón, Miguel A. Mato Fondo e Modesto Fraga, con Viki Rivadulla como secretaria. 

O xurado adianta que a obra “indaga nos grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que sona moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo”. A escritora, que verá o seu novo libro publicado en Edicións Xerais, recollerá o premio nun acto que a Fundación organiza o vindeiro día 11 de xullo.

Libros e premios

Enma Pedreira deuse a coñecer en 1999 con Diario bautismal dunha anarquista morta, libro inicial ao que logo iría sumando novos títulos como Grimorio, Corpo, Velenarias, Os cadernos d´amor e os velenos, Casa de orfas, Xoguetes póstumos, Antítese da ruína ou Libro de mentiras. Entre os premios que recibiu están o Johán Carballeira, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Fermín Bouza Brei, o Modesto R. Figueiredo, o Fiz Vergara Vilariño, o Novacaixagalicia ou o do Concello de Carral. 

Comentarios