Encontros folk, entre a escolla e a extinción

Os festivais de música celta e popular na Galiza teñen que se decantar por dirixirse a un público minoritario ou reformular a súa condición

Imaxinan unha horda de gaiteir@s invadindo un festival de música techno do tipo de Monegros? Que dirían @s amantes da electrónica vendo o seu 'ecosistema' defenestrado por uns viles usurpadores? Malia o surrealismo desta imaxe a situación vólvese real en termos inversos.

O festival de Ortigueira, un dos máis concorridos de Europa de entre os que renden homenaxe á música tradicional das distintas nacións celtas, tivo de asumir duras medidas para cortar a marea de asistentes alleos ao mundo folk. En ocasións, chegáronse a superar os 100.000, cifra desorbitada para unha pequena vila mariñeira de arredor de 6.500 habitantes. Na pasada edición, decidiuse facer fronte as múltiples carpas de música electrónica que ateigaban as inmediacións da famosa praia de Morouzos, habilitadas como zona de acampada, por permaneceren abertas as 24 horas dos catro días que dura o festival.

Deste xeito, a 28º edición do festival estableceu fortes controis policiais nos accesos ao cámping. Tal e como relata o seu coordinador Alberto Balboa,“a idea era impedir a entrada ás grandes estruturas, tanto destinadas á música como a venda ambulante”, malia recoñecer que “así tamén se prexudicaron pequenos comerciantes” coma os habituais artesáns. “O problema non é que a xente se busque a vida, senón que se estaba a perder a esencia tradicional do encontro por mor dunha xente desvinculada co ambiente, que o único que busca é a troula”, lamenta. Para a organización está claro: é preferible un público reducido e especializado que un masivo mais desinteresado no movemento folky.

Con todo, outras eivas minaron a proxección e o nome dun encontro que, en tempos, puidera presumir de botarlle un pulso ao Lorient da Bretaña. Unha das máis rechamantes, a baixada de calidade musical, con apostas mediocres coma o caso dos Celtas Cortos. “Esta elección fíxose para facer un aceno á nosa vila, Ortigueira sempre apostou polos conxuntos estranxeiros que foran difíciles de ver noutros certames; non imos gastar os cartos en traer grupos da Galiza que se subiron á parra cuns prezos excesivos”, defende Balboa. Co cartaz a piques de se pechar, o coordinador recoñece, no entanto, que haberá presenza galega na vindeira edición, inda que se reducirá a dúas bandas da terra ao longo das catro quendas de concertos.

Paraísos selectos, máis aló da música ao vivo
Malia Ortigueira ser o festival de música folk máis antigo do país, o que conta con máis edicións ao lombo é o de Pardiñas en Guitiriz, sendo que o primeiro tivera de se interromper cinco anos nos noventa por desordes públicos. Non entanto, tal e como explica Alfonso Branco, coordinador da asociación cultural Xermolos, promotora do encontro, “Pardiñas procura, alén da música ao vivo, achegar unha vertente pedagóxica, ofrecendo unha plataforma para compartir a creación das artes ”.

Así, aos concertos, súmanse unha mostra de instrumentos tradicionais de man da Asociación de Gaiteiros Galegos, obradoiros de música e danza tradicional e mesmo un escenario destinado aos músicos espontáneos. Segundo  Alfonso Branco, este festival que data do ano 1980, foi concibido en plena Transición como forma de “reivindicación das festas e romaxes de sempre, e en definitiva, da cultura propia fronte outras músicas invasoras promovidas dende o poder”. “A clave para  protexer esta autenticidade é o mantemento dun público selecto e fiel que permite establecer unha estreita convivencia entre os músicos asistentes”, explica o organizador dun encontro que mesmo chamou a atención das universidades en materia de investigación.

Outro dos máis veteranos é a cita musical, cultural e histórica de Moeche na comarca de Ferrol. Amais da música en directo, un dos seus atractivos é a representación do asalto ao castelo que, no século século XV protagonizaran os Irmandiños contra o señor de Andrade.

Tirando cara a costa, a  fabulosa zona do Hío en Cangas do Morrazo, acolle dende hai 14 anos o Festa Folc na praia de Vilariño. Impulsado pola asociación cultural O Gato, o encontro ten por finalidade “xuntar as novas e  as vellas xeracións co espírito dos tempos pasados”, en palabras do seu presidente Roberto González, no marco dunha semana cultural absolutamente autoxestionada. “A nosa premisa é que o 95% dos grupos sexan galegos e que canten en galego, porque tamén queremos aproveitar para defender a nosa lingua”, manifesta Daniel Lavesedo, membro da asociación. Canto ao público, o cangués recoñece que “é preferible unha asistenicia moderada”. “Para celebrar o noso décimo aniversario, trouxemos grupos como Berrogüeto que lograron arrastrar case 10.000 persoas; ficamos desbordados pola masificación, tanto pola falta de espazo coma en relación ao traballo da asociación ”, explica.

Tamén o Manguelo Folk naceu do traballo dun reducido grupo de veciñ@s da parroquia de Orazo, na Estrada. A piques de cumprir o seu décimo aniversario, a asociación impulsora Coto Manguelo tivo de prescindir pagar aos músicos para manter vivo o certame ante a falta de apoio institucional. “As subvencións do concello poucas veces son destinadas a asuntos culturais, no entanto, hai que se quedar cos logros conseguidos; é un hito que unha aldea de 400 veciños conseguira traer conxuntos tan potentes” coma Quempallou ou Sacha na Horta, comenta o seu antigo presidente Luis Rando.
Alén das estritas fronteiras políticas do país, nas fermosas paisaxes dos Ancares leoneses, celébrase en dúas edicións anuais, coincidentes co magosto e a noite de San Xoán, os encontros de música folk de Balboa. Nunhas pallozas, a cita do outono, e a carón das ruínas dun torreón de pedra, a do segundo solsticio do ano, os encontros combinan os concertos coa interpretación dos espontáneos, nunha cerimonia que consegue facer viaxar no tempo aos seus asistentes.
Por todo isto, as asociacións e institucións organizadoras deberían de reformularse os seus obxectivos prioritarios: Ou ben poñer por diante o beneficio económico, prevalecendo a lóxica de canta máis xente mellor, ou tentar de salvagardar ese espírito diferenciador fronte as modas maioritarias que tentan colonizar espazos que por cultura e historia non lles pertencen.

Comentarios