A enciclopedia gastronómica de Rodríguez Baixeras chega a Ferrol

Esta sexta feira, na libraría Galiano en un acto organizado pola Sociedade Cultural Medulio.
Dicionario comida galega
photo_camera Tapa do volume editado por Aira e Engaiolarte. (E.T.)

Un Dicionario da comida galega é o último libro do aclamado poeta Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945). O seu título, Do abadexo á zorza. Presentarao na libraría Galiano de Ferrol esta sexta feira, 6 de marzo, ás oito do serán. O acto está organizado pola SC Medulio.

Quince anos de traballo investiu Rodríguez Baixeras na elaboración do “Dicionario da Comida Galega. Do abadexo á zorza”. O autor, xa recoñecido polo seu amplo labor como ensaísta e poeta, cumpre deste xeito un fito literario ao catalogar e sistematizar todos os aspectos relacionados coa cultura gastronómica de Galiza desde os puntos de vista histórico, lingüístico e literario.

Son 590 páxinas a toda cor as que integran este volume que, do A ao Z, recolle miles de termos relacionados coa cociña e os alimentos do país, todos e cada un deles apoiados por fontes literarias e científicas. De feito, o seu autor aclaraba para Nós Diario que “máis ca un simple dicionario, o libro é un dicionario enciclopédico, pois non se dá só a definición da palabra, senón un artigo enteiro ao respecto, documentado en libros de historia e literatura”.

Comentarios