Guadi Galego, música

"Temos unha calidade alucinante en música de raíz"

Nunha tarde solleira e diante dun café, Guadi Galego (Cedeira, 1974) afronta a fin de xira de O mundo está parado (2016), que fechou na pasada terza feira en Madrid. O seu EP “A bóla de cristal” pon fin ao ciclo de temática continuísta que xa comezara con Lúas de outubro e agosto (2014). No seu último traballo, a autora ofrece cinco temas de creación propia nos que ollar a través da bóla e reflexionar sobre o futuro.

[Imaxe: Cedida] Guadi Galego
photo_camera [Imaxe: Cedida] Guadi Galego

2Entre os concertos, visitou lugares que van alén de Galiza, como Madrid. Como valora a música que viaxa fóra das nosas fronteiras, unha que ademais escapa dese trazo ‘folclorista’ que acostuma funcionar como estereotipo da música galega?

Creo que é fácil para algúns xéneros. Por exemplo, a música de raíz fóra de aquí é moi potente porque, ademais, e está mal que o digamos nós, estamos a moito nivel dentro das músicas do mundo. Aquí temos unha calidade alucinante. Despois, está a xente máis específica de rock en galego, que ten cabida nos festivais dese xénero. Logo, está outro tipo de xéneros que nos custa máis porque aínda non nos chegou o momento, ao mellor, de chegar aos sitios ou que se normalice. Nun país normalizado, cantos máis xéneros existan na súa lingua propia, mellor saúde significará para o país a todos os niveis, sobre todo lingüístico e artístico. Custa un pouco, mais son apostas que ás veces hai que facer.

Empezou a súa carreira artística con Berrogüetto, para logo pasar xa a levar unha carreira en solitario. Como valora a traxectoria desde que comezou a voar soa?

Lembro que o meu primeiro concerto con Berrogüetto foi en decembro de 1997. Foi o punto de inicio da miña profesionalidade na música. Estiven exactamente dez anos, polo que son dez anos máis en solitario, que non foi así exactamente. En 2009 fago Benzón, que é o meu disco de tránsito entre Berrogüetto e a vida seguinte. É un álbum que tiña claro como quería que fose e fíxeno con moitas ganas, mais non o toco en directo porque precisaba descansar. Esa foi a miña grande premisa para deixar Berrogüetto: a necesidade de descanso. Non foi para tocar un disco en solitario, porque despois tamén foi a CadaCanto, que era un proxecto coral, antes de Lúas de outubro e agosto.

O balanzo que fago é moi positivo a nivel de público e crítica musical, porque foron discos importantes para min. Non hai tampouco un disco menor, son todos importantes polo que representaron na miña vida. Lúas foi un disco do que a xente gostou moito, quizais porque non había moito así, e era un aire fresco. O mundo está parado tamén tivo boa crítica e o público gostou. Agora con A bola de cristal tamén estou moi contenta. Os EP son considerados moitas veces obras menores. Non obstante, eu vendín moitas bólas de cristal porque a xente, cando é fan, quere ter todo. Aínda que o consumo agora mudou moito. A xente máis moza consome moito en redes: Youtube, videoclips, Spotify…

[Podes ler a entrevista íntegra no número 314 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios