Emma Pedreira: "Os libros son como unha vitamina que pode axudar a que te reconcilies co mundo"

Desde a xenerosidade de quen partilla unha especie de tesouro, un ben prezado. Os libros que hai en min (Cuarto de Inverno, 2021), de Emma Pedreira, é un convite a outros mundos. É a listaxe dunha bibliófila declarada. As historias (anécdotas, reflexións, confesións) dunha lectora voraz. Dunha escritora voraz. É tamén un "ensaio que percorre a vida dunha bibliópata", ou quizais un "kit anticatástrofe". 

A escritora Emma Pedreira vén de publicar 'Os libros que hai en min' en Cuarto de Inverno. (Foto: Cedida).
photo_camera A escritora Emma Pedreira vén de publicar 'Os libros que hai en min' en Cuarto de Inverno. (Foto: Cedida).

Como nace o ensaio Os libros que hai en min

O libro xorde como unha encarga de David Cortizo e Andrea Jamardo, que son as editoras de Cuarto de Inverno con quen xa tiña moitas ganas de traballar. Encargáronme facer esta obra porque saben que son unha persoa moi lectora e moi divulgadora da lectura. 

Querían facer algo diferente, que non fose un ensaio pero que tampouco fose unha ficción, que mesturase un pouquiño os xéneros... que valese para persoas que len e para persoas que se inician na lectura e que estivese destinado á rapazada e ao público adulto... Así, entre as tres, fixemos o libro. Non me considero a única autora porque elas tamén tiveron moita participación.

O libro é, como dixo alguén, unha especie de memorias bibliográficas. Nel vou describindo a miña relación cos libros desde o principio, de forma cronolóxica. Vou contando como vai evoluíndo a miña vida lectora desde os primeiros libros que me regalaron, os primeiros que merquei, os libros que fun atopando, as lecturas obrigadas... e, máis tarde, os libros que xa foron escollas...

Obviamente, quedaron fóra moitísimos títulos e na obra igual hai uns cen libros nomeados. É unha reflexión vital, unha posta en común.

sempre me gusta pensar que hai un libro para cada doenza, para cada momento, que hai un libro que te reconcilia co mundo

 

Na obra define os libros como un "kit anticatástrofe".

A min sempre me gusta pensar que hai un libro para cada doenza, para cada momento, que hai un libro que te reconcilia co mundo ou coa situación que estás a atravesar... E non deixo de ler e de escoitar a xente dicir "os libros salváronme a vida". Non creo que un libro poida salvarte dun atropelo, dun tiburón ou de algo así [risos], mais si doutras situacións graves. De feito, no libro abordo esa temática, falo de cuestións mentais, de cuestións espiñentas de saúde, situacións de decaemento... Porque si axudan moitísimo. Ao mellor non son unha menciña total pero si son unha vitamina que pode axudar a que te reconcilies co mundo e volver atoparte ben.

De feito, achega confesións, reflexións, anécdotas persoais... Como o afrontou?  

É unha das cuestións que máis falamos entre as tres [con Cortizo e Jamardo], despois de que o libro chegara á rúa e funcionara tan ben. 

Á xente interésalle saber cousas e verse reflectida naquilo que contas. Ás veces non lle atopo moito interese ao que podo contar e sorpréndome porque hai persoas que si crean unha empatía con iso que narro. 

As miñas editoras, que son moi intuitivas, sabían que con este libro ía crear unha empatía, para ben ou para mal, sobre todo coa confección dunha listaxe. Tamén polas situacións vitais que se recollen na obra... Foi un proceso lento, que me obrigou a detelo moitas veces, a preguntar se ía polo camiño certo... Mais sempre me dixeron que si e que tirara para adiante. 

Nese sentido, recibiu moito feedback desta obra?

Moitísimo. Trato de estar sempre moi presente coas actividades que se fan cos meus libros, procuro que estean vivos, non esquecer un polo outro... E con este xa se me foi das mans. Sei que o leu moitísima xente e están a chegarme mensaxes case a diario. Hai moitas persoas enviándome a súa listaxe de libros e é fantástico. Mais xa non é só un feedback lector, senón vivencial... É moi sorprendente e super bonito, algo que reborda o alcance dun simple libro.

Cada día atravésanseme cinco millóns de apetencias bibliópatas novas

Nesta quinta feira será o Día das Librarías, anímase a dar algunha recomendación?

O día 11 é tamén o meu aniversario e vouno celebrar na Real Academia Galega lendo a Xela Arias, que é o seu ano e a quen sempre recomendo. 

Cada día atravésanseme cinco millóns de apetencias bibliópatas novas... [risos]. Dos últimos que lin gustoume moito, por exemplo, Unha educación (Hércules, 2021), de Tara Westover, un libro que debería levarse até a rapazada, inda que sexa aos poucos, porque anima a vivir doutra maneira. 

Comentarios