Emma Lustres, Premio Pedigree de Cans

O Festival de Cans vén de anunciar que a produtora Emma Lustres é a merecedora do Premio Pedigree deste ano. Os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” nesta ocasión son para os veciños Chelo Fortes e Manolo Cid e o músico Xurxo Souto.

emmalustres2
photo_camera Emma Lustres

A asemblea do Festival de Cans decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos. É o caso de filmes como El Desconocido de Dani de la Torre (Premios Goya a mellor montaxe e mellor son, con oito nominacións en total e que acaba de recibir 15 nominacións aos Mestre Mateo) e Celda 211 de Daniel Monzón (oito Premos Goya, entre eles o de mellor película e mellor actor para Luis Tosar). O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo o seu labor como impulsora dos creadores galegos, nomeadamente os novos realizadores.

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o labor dos veciños e veciñas de Cans e mais a unha personalidade que destaque polo seu apoio ao certame, a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, centro de apoio loxístico durante os días do evento, e a Xurxo Souto, incondicional de Cans que comparte ano tras ano o seu saber musical e popular con locais e foráneos, facendo un roteiro pola parroquia que o converteu xa nun máis da familia. Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 20 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación no Torreiro da estrela de Emma Lustres.

Traxectoria fulgurante

Malia a súa xuventude, Emma Lustres (O Grove, 1975) xa conseguiu multitude éxitos coa súa produtora Vaca Films, coa que recibiu o Goya ao mellor filme por Celda 211,  un dos filmes de maior éxito dos últimos anos que se fixo en total con oito Goyas. Este ano, xunto co seu socio Borja Pena, volveu lograr oito nominacións con El Desconocido, sen dúbida unha das producións do ano, que conseguiu finalmente dous galardóns, o de mellor montaxe para Jorge Coira e o de mellor son con David Machado formando parte do equipo. Esta produción vén de postularse tamén como favorita nos Premios Mestre Mateo, con 15 nominacións, entre elas as de mellor longametraxe, dirección, interpretación masculina e interpretación feminina. Este é precisamente un dos feitos que o Festival de Cans valora para concederlle o Premio Pedigree, a gran visibilidade e as oportunidades que lles dá como produtora aos profesionais galegos, tanto directores, como técnicos ou actrices e actores. 

Será a cuarta muller que recibe o premio Pedigree, despois de María Bouzas, María Pujalte e Mabel Ribera. O festival avanza así no seu compromiso de potenciar o traballo das profesionais do audiovisual galego, aplicando a medida do seu Decálogo de visibilidade das mulleres que recolle a vontade de que non pasen dúas edición sen que unha muller reciba este galardón. Emma Lustres recollerá así o testigo Javier Gutiérrez, homenaxeado o ano pasado, e deixará a súa pegada no Torreiro das Estrelas na Noite das Homenaxes, o venres 20 de maio. Continúa así completándose un grupo de recoñecidos Premios Pedigree compartido tamén con Luis Tosar, Celso Bugallo, Antón Reixa, Chete Lera, Xavier Villaverde, Ernesto Chao, Antonio Durán “Morris” e Manuel Manquiña.

Comentarios