Emisións radiantes de "Ponte... nas ondas!"

Ponte... nas ondas! presentou onte o programa de actividades que ao longo de 2020 planea desenvolver polo 25 aniversario da iniciativa. O acto tivo lugar no auditorio da Universidade de Vigo. 
Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas ondas!; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación da UVigo, e Xerardo Feixoo.
photo_camera Santiago Veloso, presidente de Ponte... nas ondas!; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación da UVigo, e Xerardo Feixoo.

Ponte... nas ondas! agradeceu a participación das escolas e institutos da Galiza e do Norte de Portugal na celebración do seu cuarto de século, así como das emisoras de radio públicas e locais nunha xornada que terá lugar o 27 de marzo. Ascenden xa a 55 os centros educativos inscritos, ademais dos grupos das Universidades de Santiago, Vigo e Trás-Os-Montes, que participarán nos programas desde os 22 lugares de emisión repartidos por toda a Eurorrexión.

Desde a Universidade de Vigo farase a coordinación e a emisión en streaming de audio e vídeo a través do portal "Escolas nas ondas". No auditorio do edificio Miralles desenvolverase unha programación elaborada en directo por centros educativos de Vigo e comarca, con convidados e actuacións musicais como a de Magín Blanco e MJ Pérez. Pola súa banda, na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago levaranse a cabo actividades nas que participará alumnado do propio centro e doutras escolas da zona. Destaca unha mesa redonda sobre o patrimonio común galego-portugués , na que conversarán Valentín García, Secretario xeral de Política Lingüística; Carlos Quiroga, pola Associaçom Galega da Língua, ou Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Como convidadas, actuarán Tanxugueiras, Deteriorados, Leo i Arremecághona ou Susana Seivane. Tamén desde Braga, a Radio Universitaria do Miño (RUM) realizará unha emisión especial con escolas do municipio e músicos da rexión do Minho.

En Ponteareas, o auditorio municipal Reveriano Soutullo acollerá unha programación en directo realizada por centros educativos da comarca, retrans- mitida por Si radio. En Chaves, os centros educativos porán en antena contidos análogos a través de Radio Chaves. Ademais faranse programas desde distintas emisoras galegas e portuguesas, como Radio Piratona, Radio Redondela, Radio Allariz, Rádio Montalegre, Rádio Afifense, Radio Caminha, Radio Tui, Radio Fene, Radio Ames, Cuac FM...

Documentando o aniversario

Con todo, a programación non fica aí. Artistas como Magín Blanco, Uxía Senlle, Dulce Pontes ou Vozes da Rádio porán o ramo coa estrea de temas compostos especialmente para conmemorar o 25 aniversario de Ponte... nas ondas!.

A isto súmase unha gravación que deixará constancia de todo o acontecido durante toda a xornada do 27 de marzo. Un equipo de profesionais desprazarase aos distintos estudios de radio e centros de emisión para filmar os programas e colaboracións musicais coa finalidade de elaborar un documental.

O proxecto Ponte... nas ondas! desenvolveu ao longo do seu cuarto de século actividades de dinamización e transmisión do patrimonio inmaterial galego-portugués ás novas xeracións da Galiza e Portugal. Por este compromiso obtivo, entre outros recoñecementos, o selo de “Boa práctica Iberoamericana" do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou o Premio Ondas á "mellor cobertura informativa" do acervo inmaterial galego-portugués. En 2016 foi acreditada pola Unesco como ONG consultora para o patrimonio inmaterial. 

Comentarios