Emilio Ínsua achégase aos primeiros anos do poeta Díaz Castro

Aqueles versos que Méndez Ferrín, no seu prólogo á poesía de Heriberto Bens, denominou “tridentinos” centran a atención de Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939), o penúltimo ensaio -acaba de publicar con Xurxo Martínez Común temos a patria- de Emilio Xosé Ínsua. Esta quinta feira preséntao en Compostela, ás 19.45 na Libraría Couceiro.
 

xosé maría díaz castro
photo_camera O poeta Xosé María Díaz Castro.

O poeta Miro Villar acompañará a Ínsua no acto. Editado por Laiovento, Díaz Castro: poeta en formación (1914-1939) narra a iniciación á literatura do autor de Nimbos (1961). Nado o ano en que comezou a Gran Guerra nos Vilares, Guitiriz, ingresou no Seminario de Mondoñedo en 1929. Alí coñecería ao exquisito poeta Aquilino Iglesias Alvariño, quen o axudaría na súa traxectoria literaria.

Xosé María Díaz Castro amosou os seus primeiros poemas en galego en El Progreso Villalbés. No tempo previo á Guerra do 36 escribiu dous cadernos de versos que ficaron inéditos. Chamado a filas polo bando nacional, pasou a maior parte do conflito nos servizos sanitarios. En 1939 reingresou no Seminario.

O profesor Emilio Xosé Ínsua (Viveiro, 1967), que na actualidade exerce nun instituto en Vilagarcía de Arousa, relata no seu libro a época e as influencias que conformaron a poesía de Díaz Castro, e revela o seu forte conservadurismo católico. O poeta de Penélope, emblemática composición de posguerra, morreu en Lugo en 1990. En 2014, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras.

Comentarios