Centenario do falecemento da autora de 'La tribuna'

Emilia Pardo Bazán e a defensa dunha lingua galega limitada ao "folclore"

Hai cen anos falecía en Madrid a escritora Emilia Pardo Bazán. Unha efeméride que comezou a conmemorarse xa a finais de 2020 e que quedou ligada á recuperación do Pazo de Meirás para o Estado español, após décadas de ocupación por parte da familia do ditador Franco. O debate sobre os usos que deben dárselle ao pazo está aberto, mais tamén sobre o papel da autora coruñesa no panorama cultural e literario. 
Imaxe de arquivo da escritora Emilia Pardo Bazán, cuxa biblioteca persoal, se reparte entre a que fora a súa casa, agora sede da RAG, e o Pazo de Meirás, que ela mesma mandou construír. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe de arquivo da escritora Emilia Pardo Bazán, cuxa biblioteca persoal se reparte entre a que fora a súa casa e Meirás. (Foto: Nós Diario)

No centenario do pasamento da escritora Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921), a Real Academia Galega (RAG), cuxa sede se sitúa na vivenda da rúa Tabernas propiedade da autora, e que custodia boa parte dos fondos da biblioteca, conmemora a data cunha lectura colectiva da súa obra, mais ningún dos seus traballos literarios foron escritos en lingua galega.

En conversa coas profesoras María Pilar García Negro, Olivia Rodríguez e Xosé A. Fraga, Nós Diario procura unha perspectiva crítica sobre a relevancia que se lle está a dar á figura de Emilia Pardo Bazán no contexto galego, á elección idiomática "política e consciente" da escritora e tamén o espazo que se lle debe dar ou non á autora no Pazo de Meirás.

Neste último caso foi precisamente a Xunta a primeira en reivindicar alí o lugar da escritora, competindo así a figura propietaria do pazo antes da ocupación dos Franco co uso do edificio para honrar a memoria histórica, como reclama o movemento da memoria. O Goberno galego solicitou o espazo para facer entrega o 8-M das Medallas Pardo Bazán, mais este foille denegado polo Goberno do Estado.

Pazo, autora e memoria

"A Xunta puxo esta señora" por diante en Meirás "como para tapar unha hemorraxia, para tapar a Franco e facer como se iso nunca existise", afirma a profesora Olivia Rodríguez sobre o acontecido arredor da entrega das Medallas Pardo Bazán o pasado 8-M. Rodríguez, que se declara rotunda defensora de que o pazo se dedique á memoria histórica, advirte en primeiro lugar de que "Meirás e o que alí hai debe pórse a salvo da rapina" e indica en segundo lugar que na propiedade "hai espazo para que sexa a casa da escritora e tamén da memoria histórica".

Unha visión que comparte Xosé A. Fraga que, alén de respectar o espazo da literata, non obvia o carácter "autoritarista e non democrático que tamén tiña ideoloxicamente a autora, que estaría feliz na ditadura de Primo de Rivera", resume. 

Obviar para branquear

Precisamente ao falar da ideoloxía da autora de La tribuna, o profesor Fraga rescata o traballo do ex presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, autor do "texto fundamental sobre ese tema, que estivo desaparecido, ninguén fala del", conta. "Non se trata de estar de acordo ou non, mais un le Movendo os marcos do patriarcado ou os artigos de Darío Villanueva e ese texto directamente non figura", enfatiza o doutor en Bioloxía ao denunciar que "faltan moitas voces, voces disonantes", en referencia non só ás publicacións, senón tamén aos eventos que se están a organizar no centenario. 

"Estamos a asistir a un proceso de glorificación da súa persoa e da súa obra", advirte María Pilar García Negro

"En aras da extraordinaria modernidade e complexidade de Emilia Pardo Bazán trasládase unha censura, hai un lavado de imaxe dela e unha ausencia de voces discrepantes", insiste, para aclarar que se traslada un perfil "dulcificado" da autora co que ela mesma, "seguramente  non estaría de acordo". 

Tamén o percibe así a profesora da UDC María Pilar García Negro, que expresa con contundencia que "estamos a asistir a un proceso de glorificación da súa persoa e da súa obra baseado en supostos falsos ou absolutamente parciais que non se corresponden en absoluto cunha grande avantaxe desta escritora, a súa elocuencia máxima, ela foi explícita sempre, tanto desde o punto de vista persoal, como tamén do ideolóxico, tanto no que ten a ver coa súa visión sobre a Galiza como no que ten a ver co feminismo", apunta.

García Negro explica que "ela é dona dun feminismo declarativo que despois aparece contradito no tratamento da súa obra literaria, porque sendo unha escritora descomunal, da maioría social feminina, ás traballadoras infrahumanízaas e incluso as animaliza".

O papel da Academia

"Se se cumprisen os prognósticos de dona Emilia Pardo Bazán a literatura galega non existiría como tal e, polo tanto, non tería sentido unha institución como a Real Academia Galega", apunta rotunda a profesora García Negro. Unha cuestión na que coincide Xosé A. Fraga, que lembra que a autora "dixo repetidas veces que o galego estaba ben para o folclore e para o pobo, e se iso non é limitar as opcións do noso idioma a ver que é".

E partindo da cuestión idiomática, da escolla "consciente", di Rodríguez, de integrar a literatura española, García Negro ve "realmente rechamante que o programa do congreso no que participa a RAG como parte fundamental" e que vai decorrer no mes de outubro, "non hai, en todo o programa, unha soa intervención en galego e non hai unha soa intervención dedicada a algo evidente como é a condición de galega de nacemento de dona Emilia e a súa visión sobre Galiza". 

"De aí deduzo que o galego non é unha lingua de cultura", explica García Negro para resaltar a contradición da Academia, "en pleno século XXI temos que asistir ao maior dos retrocesos posíbeis". "Semellante entreguismo" causa na profesora "decepción a respecto do que a propia institución di que é: a salvagarda da lingua e da literatura galega".

"Dona Emilia enfrontouse á nosa condición idiomática e revisalo é unha responsabilidade", denuncia o doutor Xosé A. Fraga

Un paradoxo que non comparte Olivia Rodríguez, ao aclarar que "a Academia está a ocupar a casa da escritora, por iso ten un papel institucional nestes eventos. Hai unha confluencia histórica, e recibimos todo ese pasado". "A Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán tamén está na rúa Tabernas, está dirixida pola Academia e todo o que se está a facer está nesta última", puntualiza a tamén escritora Olivia Rodríguez.

Sobre este aspecto, Xosé A. Fraga coincide con María Pilar García Negro, cuxa presenza no citado congreso bota en falta. "Dona Emilia enfrontouse á nosa condición idiomática e revisalo é unha responsabilidade", reivindica Fraga, "parece que non abonda con reclamar o seu valor na literatura española e estana a comparar con Rosalía mais non podemos dubidar do compromiso lingüístico da primeira", denuncia Fraga.

Comentarios