Emilia Docet, a 'Miss' galeguista, volve á vida coa Compañía Eléctrica

O novo traballo da Compañia Eléctrica estrearase este sábado en Tomiño. O texto, realizado por María Reimóndez e Iria Pinheiro, recupera a figura de Emilia Docet, a galeguista que foi 'Miss España' e participou no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934 xunto a Castelao e Bóveda.
Un ensaio da obra 'Miss Docet' (Foto: TVG).
photo_camera Un ensaio da obra 'Miss Docet' (Foto: TVG).

A figura de Emilia Docet protagoniza o novo traballo que a Compañía Eléctrica estreará este sábado en Tomiño (Auditorio de Goián, 21 horas).

Baseándose en documentación de hemeroteca, a obra Miss Docet, dirixida por Vanesa Sotelo e con texto de María Reimóndez e Iria Pinheiro, reconstrúe os anos en que a deportista galega viviu a súa faceta de Miss.

"Coñecemos así a vida que leva nesa intensa época na que os actos públicos parecen ser o centro da súa vida. Emilia é unha disciplinada deportista e estudante de Peritaxe Mercantil que aproveita a circunstancia da súa popularidade para expresar tamén o seu galeguismo", explican desde a Compañía nun comunicado.

Docet, militante do Partido Galeguista, foi quen de levar a insignia da formación de Castelao no peito cando se convirtíu en Miss España en 1933, explicando que fora  un agasallo "porque son afiliada" e engadindo que "vería con inmensa satisfacción que todas as mulleres da Galiza a levasen, coma min, no seu peito". Ademais, foi unha das participantes no Mitin das Arengas o 24 de xullo de 1934 xunto a Castelao, Bóveda, Suárez Picallo, Paz Andrade e Lugrís Freire, entre outras personalidades. 

Recuperar a memoria das mulleres silenciadas

"Sabemos pola prensa que rematou os seus estudos e logo traballou no laboratorio Miguel Servet da cidade de Vigo, que e en 1940 casou con Francisco Novoa Ortiz, funcionario de Obras Públicas con quen tivo dous fillos. Aquí desaparece a figura pública de Emilia Docet, e neste punto temos que seguir contando a súa historia", indican desde Eléctrica. 

A obra procura recuperar a súa memoria e a das outras mulleres que foron silenciadas nese momento da historia "como Urania Mella, Olimpia Valencia ou María Antonia Sanjurjo", apuntan, "todas elas conectadas entre si polo compromiso coa Galiza e o feminismo", engaden.

Miss Docet continuará a súa andaina nos escenarios o 10 de xuño en Rianxo (Auditorio, 21 horas) e no Grove o 12 de xuño (Auditorio, 20 horas).

Comentarios