Emilia Docet e Francisca Goday: os tempos de 'miss' política na Galiza

O galeguismo republicano viuse na obriga de furar naqueles concursos para visibilizar o seu ideario ou mesmo regatear as prohibicións de facer política en tempos de ditadura. Un tema que debullamos nunha reportaxe no Sermos Galiza, semanario que se publica os sábados canda Nós Diario.

SGmiss

Houbo un tempo no que eventos que hoxe consideramos fóra de lugar, demodé, abertamente machistas e sen ningún interese social, crearon tendencia na sociedade burguesa da súa época, tanto que mesmo o galeguismo republicano se viu obrigado a furar neles na procura de visibilizar o seu aínda minoritario pensamento, ou mesmo para choutar por riba dos impedimentos legais para faceren política en tempos de ditadura. Dous casos, o de Emilia Docet e o de Francisca Goday, son ben ilustrativos.

Deles fálannos Patricia Arias e Antón Mascato en 'Emilia Docet e Francisca Goday, tempos de miss política'.

En 1929 organizouse o primeiro certame de beleza español que, a imitación do celebrado oito anos antes en Atlantic City, procuraba o nomeamento dunha dona que representase un modelo nacional de beleza. Comezaba deste modo a procura dunha Señorita España ou Miss España.

Catro anos despois, a comezos de 1933, convócase por primeira vez na Galiza o certame de Miss Galicia. A gañadora será Emilia Docet Ríos, unha moza viguesa, de boa familia, deportista avezada, estudante de comercio. Intelixente e culta. En poucas semanas Emilia Docet convértese en Miss España. Ao acto onde é nomeada acode cunha insignia do Partido Galeguista ben visíbel no peito.

En 1934, no 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, celébrase na Cada do Pobo a escolla de Miss Obrera 1934, que recaeu en Paquita Goday Caamaño. Paquita Goday, a moza premiada, era como Emilia Docet, unha muller non só fermosa senón intelixente e comprometida. Durante anos, gardou con orgullo e certa responsabilidade social os galanos do escrito lido naquela xornada e a fermosa banda azul celeste bordada con fío dourado de Miss que lle impuxeron. Fíxoo até que a sublevación militar a encheu de medo e decidiu agochalos en lugar seguro.

A reportaxe completa podes lela no Sermos Galiza que este sábados e publica co Nós Diario.

capa SGboa

Comentarios