Emigrantes Retornad@s castigarán o PP nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados castigará ao PP nas urnas nas vindeiras eleccións europeas. A entidade comunicarallo ao presidente da Xunta, nunha carta que entregarán esta terza feira no rexistro do Parlamento Galego. Dirixiranse tamén a todos os grupos parlamentarios para reclamar solucións urxentes. 

 

O representante da Coordinadora Nacional Galega,  Xosé Lois Leirós, cifra en arredor de 250.000 o número de emigrantes que regresaron á terra, a maior parte con pensións moi baixas e que están a recibir as cartas nas que se lle reclaman o importe da declaración dos últimos cinco anos máis multas e intereses de demora. “As autoridades non dan ningún dato mais nós temos constancia de que o ano pasado uns 20.000 galegos e galegas recibiron as cartas e neste ano parece que van caer arredor de 30.000 máis que afectan a persoas que viven con pensións de 700, 800 ou 900 euros”, sinala Leirós para quen a comunicación de Facenda é unha “carta bomba que nos destrúe non só economicamente senón tamén moralmente. Diríxese a xente que a maior parte teñen máis de setenta anos, pasaron toda a vida fóra e agora, con situacións apertadas, están a padecer este trato e esta reclamación inxusta”. 

Para a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados a lei 35/2006 que obriga a declarar a quen ten dous pagadores está a ser  aplicada como “un ataque directo a quen tivo que pasar a maior parte da súa vida fóra e cobra dúas pequenas pensións, algunha mesmo ridícula- Case todos os emigrantes temos este problema”. 

Para Leirós, o goberno está a buscar “os cartos debaixo das pedras e reclaman ao mellor 8 ou 9.000 euros para unha persoa que cobra 700 ao mes co cal o que fai é levar á xente á ruína”. 

Para a Coordinadora de Emigrantes Retornados, as recentes declaracións da Delegada de Facenda en Galiza, están a darlle a razón na súa denuncia de falta de información e mesmo a inclusión dun cadro no borrador no que se anuncia que as pensións de fóra teñen que ser declaradas só veñen poñer en evidencia que até o de agora, non só non se avisaba senón que mesmo nalgúns casos desde as oficinas da axencia tributaria se confirmaba que non se tiñan que computar os ingresos de fóra. 

“Non fai moitos días até o presidente da Xunta fixo declaracións dándonos a razón cando leva un ano sen abrir boca e mesmo ausentándose cando no Parlamento se debate algunha iniciativa sobre o tema. Nós continuamos a facer presións nas rúa e levaremos o tema ao Parlamento Europeo até que teñamos unha solución”, confirma Leirós mentres se reafirma no “castigo” que o colectivo imporá ao PP nas vindeiras eleccións, o único que está nas súas mans que é non votar pola formación que está no goberno que lles impón as multas. 

Se despois de tanto silencio reciben unha resposta unha vez entregada á carta, sinalan que terán en conta que non sexan promesas que logo non se van a cumprir, como aconteceu co tema das preferentes en campaña electoral. “Nós non queremos promesas senón feito e a nosa determinación é seguir loitando porque nos asiste a forza da razón”, sinala Leirós. 

Comentarios