sábado 19/06/21

Rexenera Fest: Embelecendo Carballo con arte urbana

A sétima edición do Rexenera Fest de Carballo deu comezo nesta quinta feira onde seis artistas galegas, que realizarán cadanseu mural en diferentes edificios da localidade. Maite Parga, unha das responsábeis da organización, aposta polo artista Iván Floro, Van Vúu, como "un dos favoritos do público, mais aínda é moi cedo". 
Obra do artista Mou, 'O buzo', no centro urbano de Carballo. (Foto: Rexenera Fest)
Obra do artista Mou, 'O buzo', no centro urbano de Carballo. (Foto: Rexenera Fest)

Volve o festival que enche de cor as paredes da localidade de Carballo, na comarca de Bergantiños. O Rexenera Fest comezaba nesta quinta feira coa instalación do artista arxentino Franco Fasoli, quen empezaba a marcar as pautas do seu complexo deseño nun edificio da rúa Miño carballesa. "O resto das artistas achegaranse á vila ao longo da fin de semana e xa o luns estarán todas traballando simultaneamente en cadansúa obra", indica a técnico de Turismo do Concello carballés, Maite Praga, en conversa con Nós Diario

Durante os primeiros dous días "semella que todo vai moi debagar, mais despois xa todo comeza a coller cor e a xente abráiase co proceso e as obras", salienta Praga. 

Ademais de poder ver en directo como as artistas realizan os seus murais, o concello tamén organiza unha serie de actividades paralelas para dinamizar a vila. Desde hoxe até o día 13 poderanse realizar visitas guiadas pola localidade, xogos de pistas para familias que, previa inscrición, poderanas recoller no Museo de Bergantiños e unha procura do tesouro, que terá lugar o día 12 ás 19 horas. "A día de hoxe temos inscritas a máis de 230 persoas para as visitas guiadas e só é o primeiro día", destaca a técnico de Turismo.

Para aquelas persoas que non se poidan achegar á localidade, a organización tamén programou unha serie de entrevistas coas artistas a través do Instagram do festival que se poderán ver ao longo destes 10 días.

Derrubando muros con pintura

O Rexenera Fest está enmarcado dentro do proxecto municipal 'Derrubando muros con pintura' que busca "rexenerar o espazo urbano, crear un recurso turístico, entender o espazo público e exterior como algo de todas e para desfrute de todas, tentando crear así un museo ao aire libre, que na realidade de hoxe en día ten aínda máis razón de ser que cando comezamos hai oito anos con este proxecto", explica Maite Praga. 

Dentro deste proxecto, "comezouse a traballar con artistas locais, facendo pequenas intervencións nas paredes do núcleo urbano. Isto comezou a crecer e chegou un momento no que xa se demandaba un evento puntual ao longo do ano que chamase a atención do que aquí se estaba a facer, de aí nace o Rexenera Fest, acollendo ese espírito de rexenerar espazos urbanos da vida", conta a técnico de Turismo.  

Intriga pola artista máis popular

Segundo sinala Praga, todos os anos hai unha artista que destaca entre o público. Para a edición deste ano, "malia que é moi cedo para dicilo", a técnico de Turismo salienta o traballo do catalán Iván Floro, tamén coñecido como Van Vúu, "o figurativo sempre funciona moi ben entre o público", argumenta. Este rapaz de 28 anos destaca polo seu estilo e formación pictórica máis clásica que as xeracións anteriores. Estes días estará traballando na Avenida da Milagrosa. 

Dentro da representación de artistas do Estado español, tamén participa a zaragozana Harsa cunha obra moi vinculada a ilustración contemporánea con referencias á cultura popular e a ilustración do anos 50 e 60. O seu mural realizarase na rúa Camelias. "A súa proposta para este evento está moi ligada á Costa da Morte dentro do seu estilo", desvela Praga. 

Desde o territorio andaluz, Ana Langerheldt, máis coñecida como Lahe178, achégase a Carballo, en concreto á rúa Río Mandeo, para realizar a súa peza.

O seu é un estilo onírico e barroco que enfronta a tradición co contemporáneo. "A súa proposta para o festival é, na miña opinión, a máis doce de todas", comenta Praga. 

A última artista en representación estatal é Marta Lapeña, nada en Soria, mais afincada en Madrid, cuxa obra sitúase entre "a pintura e o muralismo, as veces materializada en proxectos específicos e outras en propostas máis experimentais, influenciada por temas sociais que a preocupan", cualifican desde a organización do festival. A artista intervirá na rúa da Fábrica de Carballo. 

No que respecta á representación artística galega do festival, estará a cargo de Mou, cofundador, xunto a Sokram, do estudio Mutante Creativo e ambos membros do grupo de rap galego Dios ke Te Crew. As súas obras "reflexionan sobre a fraxilidade do equilibrio entre o crecemento colectivo e a individualidade, entre a presunta tradición e o presunto progreso", definen desde a organización. O seu estilo baséase nunha paleta de coros reducida e desaturada. "Mou ven cunha proposta que vai chamar a atención a xente", conclúe a técnico de Turismo de Carballo, Maite Praga. 

comentarios