Elysium: ricos e pobres no 2159

A crítica de cinema desta sexta feira aborda un filme de ciencia ficción con trasfondo social: Elysium.

ely 4
photo_camera Un fotograma do filme

ELYSIUM
Ano: 2013
Duración: 109 min.
País: Estados Unidos
Director: Neill Blomkamp
Guión: Neill Blomkamp
Música: Ryan Amon
Fotografía: Trent Opaloch
Reparto: Matt Damon, Jodie Foster, Sharlto Copley, Alice Braga, William Fichtner, Diego Luna, Talisa Soto

SINOPSE
No ano 2159 o planeta Terra está superpoboado e con graves problemas de contaminación. Os ricos viven na órbita da Terra nunha construción chamada Elysium onde teñen todo o que precisan, mentres que a clase baixa trata de sobrevivir no ambiente  hostil da Terra. Sempre que poden tratan de emigrar a Elysium pese á dura política contra a inmigración da gobernante Rhodes (Jodie Foster). Tras un accidente mortal, Max (Matt Damon) acepta un perigoso traballo que pode significar a súa salvación e de paso a dos menos favorecidos.

CRÍTICA
“Elysium” é herdeira directa de “Distrito 9”, a anterior e primeira película do surafricano Neill Blonkamp. Posúe elementos moi similares que nos evocan a aquela: un futuro cunha sociedade en decadencia, guettos onde meter a clase social inferior, efectos especiais realistas e un protagonista que evolúe e muda. Isto, máis que ser un hándicap, amósanos a obsesión do director por un peculiar universo de ciencia ficción que xa plasmara nos seus primeiros traballos en varias curtas e que axudaron a que Peter Jackson lle financiara a súa primeira longametraxe.

Volta a contar cun director de fotografía de confianza, Trent Opaloch, que a pesar de non ter unha marcada traxectoria ás súas costas, dá realismo a cada secuencia cunha fotografía luminosa e diferente. Tamén conta co seu actor fetiche, compatriota e amigo Sharlto Copley, que xa fora o protagonista de “Distrito 9”, pero que aquí aparece nun papel secundario en detrimento dun inspirado Matt Damon; que vende máis e que, coma unha sorte de Serpe Plissken, tentará cumprir unha misión para así salvar a súa vida infectada por unha mortal radiación. Porén, a Copley resérvalle o papel máis agradecido de todos: o malo. E a verdade e que fai un malo moi convincente e que eclipsa os demais en canto sae a escena. Completan o reparto a tamén estrela Jodie Foster, a brasileira Alice Braga e o mexicano Diego Luna. Canto a nacionalidades, Blomkamp, orgulloso da súa ascendencia e aínda que estea nacionalizado canadense, logra meter a bandeira surafricana en canto pode. Nesta ocasión nun helicóptero.

A trama do filme supón unha loita de clases na que uns poucos viven nunha especie de paraíso na órbita da terra chamado Elysium. Alí teñen todo o que precisan, mesmo unha sanidade gratuíta e de calidade que pode curar calquera enfermidade. Pola outra banda, están os cidadáns de segunda que viven na Terra traballando e loitando por sobrevivir cunha sanidade moi precaria. Moitos tratan de acceder a Elysium en pateras espaciais para curar os seus fillos/as ou buscar unha vida mellor, pero teñen que conseguir un código de barras válido implantado na súa pel. O goberno actúa coma un estado terrorista activando exconvictos e robots asasinos que obedecen as súas ordes cando se aprecia no pobo algún pequeno indicio de que queren recuperar a igualdade social. Neste tipo de xénero sempre é de agradecer que a través dunha suposta ciencia ficción nos mostren a sociedade actual tal e como é.

A trama do filme supón unha loita de clases na que uns poucos viven nunha especie de paraíso na órbita da terra chamado Elysium.

A película non supera a “Distrito 9” canto a narrativa e mesmo patina un pouco no desenrolo, mais ten o que todo bon amante do xénero demanda. As escenas de loita lembran ás de “The Hunted” (2003, William Friedkin) e hai que resaltar por riba de todo uns efectos especiais de resultado moi realista. Todos os deseños saen directamente da mente de Blomkamp que, se se segue o seu traballo desde as súas primeiras curtas, repite elementos en cada unha das súas creacións. Desde mozo xa fora un apaixonado do deseño de máquinas e da animación en 3D. Nas súas películas trata de fuxir das escenas rápidas e precipitadas onde case non se ve nada (véxase “Star Trek, na escuridade” coma exemplo) e detense con detalle no funcionamento das máquinas, naves, artefactos e robots. Algo indispensable en toda boa película de ciencia ficción que se prece. Toda a imaxinería visual que ten Neill Blomkamp ben o poden elevar á categoría de marca da casa e visionario do xénero dentro duns anos ou ben arrastralo aos infernos se non sabe canalizala nos seus diferentes traballos. Por certo, o ano que vén ten previsto estrear outra película de ciencia ficción, desta vez con toques de comedia e tamén con Copley de protagonista. Pinta ben.

Comentarios