Eloy Domínguez estrea no Festival de Xixón a súa correpondencia filmada

Esta quinta feira, Eloy Domínguez Serén estrea no Festival de Xixón a correspondencia filmada que mantivo ao longo dos tres últimos anos co cineasta colombiano Samuel Moreno Álvarez. A última curta de Domínguez Serén, Rompente, vén de ser escollida como candidata aos premios Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción.
Un fotograma do filme dirixido por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez.
photo_camera Un fotograma do filme dirixido por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez.

As videocartas entre cineastas teñen antecedentes ilustres como os das correspondencias entre Víctor Erice e Abbas Kiorastami ou entre José Luis Gerín e Jonas Mekas. Agora o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno Álvarez adoptan este formato para presentar Al otro lado del mar, que se estreará oficialmente esta quinta feira, 17 de novembro, no Festival de Cine de Xixón. 

"A idea xurdiu a partir dunha experiencia que tiven en 2019, cando me invitaron a ser xurado do Festival de Bos Aires", explica Eloy Domínguez Serén a Nós Diario. "Alí coñecín o traballo de Samuel, que me pareceu moi emocionante e que me espertou moita curiosidade. A raíz diso, a relación continuou, e el foi enviándome material que a min me lembrou moito aos meus comezos, cando facía cinema en primeira persoa, diarios filmados, traballando dunha forma máis precaria pero tamén máis directa".  

Domínguez Serén, daquela, propúxolle a Moreno Álvarez comezar ese intercambio de material filmado, en parte porque "botaba de menos esa maneira de traballar máis espontánea". O resultado cobre tres anos de correspondencia filmada, cunha pandemia polo medio, que sorprende o cineasta galego "polo grao de intimidade que chegamos a alcanzar". 

O diálogo veuse facilitado por esa concreción que dá o filmar para un destinatario concreto: "As entregas convertíanse nun regalo. Samuel, por exemplo, comentoume que nunca vira a neve, e eu, que tiña moitísimas gravacións de paisaxes nevadas de cando vivín no Ártico, respondinlle cunha misiva na que falo da animadversión que sinto pola chuvia e á que lle engado algunhas desas imaxes da neve como un agasallo". 

Tan lonxe, tan perto 

Os confinamentos propiciaron que ambos os dous cineastas incluísen as súas familias no material que se enviaban e iso, á súa vez, levou a reflexións sobre a natureza das relacións que acabaron por outorgarlle ao filme unha personalidade propia: se comezou sendo un proxecto no que cada un dos cineastas gravaba para outro que estaba nunhas coordenadas culturais moi afastadas, acabou na descuberta de que "as experiencias íntimas a un e outro lado do océano son moi semellantes". 

"En realidade o filme xa partía de aí", lembra Domínguez Serén, "da miña primeira visita a Latinoamérica, da miña descuberta dunha cultura teoricamente moi distante, mais na que descubría cineastas cunha sensibilidade moi semellante á miña. É unha realidade ao tempo próxima e afastada, coa que mantemos unha relación conflitiva na que están presentes cuestións coloniais difíciles de esquivar, e na que tratar de estabelecer unha relación horizontal é complicado. Mais ao mesmo tempo, existe a vontade de salvar eses obstáculos. Creo que todos eses contrastes están presentes na película". 

O coñecemento activo das diferentes culturas latinoamericanas leva o cineasta á convicción de que "calquera intercambio entre ambas as beiras do océano, xa non só no cultural, senón en calquera eido, é dunha enorme riqueza ".  E condúceo a unha reflexión sobre a súa arte: "Afortunadamente, hai moitos tipos de cinema, e todos eles deben ser tratados co mesmo respecto. O público acéptaos todos sen problemas".  

'Rompente' opta ao Goya á Mellor Curta de Ficción

Rompente, a última obra de Domínguez Serén está tendo un grande éxito en festivais e vén de ser escollida como unha das candidatas aos Premios Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción. "Para min é moi importante esta candidatura, sobre todo porque creo que pode ser o camiño para chegar a públicos aos que habitualmente non chegan este tipo de películas. Por outro lado, paréceme moi fermoso que unha película rodada en galego, na variante dialectal do Barbanza, teña esa acollida a nivel estatal. Eu sempre digo que, na miña experiencia, o público do Estado acolle con moito agarimo, con naturalidade, as películas noutras linguas do Estado diferentes ao castelán. É importante decatármonos de cal é a actitude da cidadanía e de onde procede esa intencionada fricción que se xera noutros ámbitos". 

Comentarios