Crítica de cinema das sextas feiras

Elisa e Marcela e a maldición de Netflix

elisaemarcela2
photo_camera Un fotograma do filme

ELISA E MARCELA

(Netflix 2019, 131 min.)

Dirección: Isabel Coixet; Guión: Isabel Coixet e Narciso de Gabriel; Fotografía: Jennifer Cox; Música: Sofía Oriana Infante; Elenco: Natalia de Molina, Greta Fernández, Sara Casasnovas, Tamar Novas, María Pujalte, Manolo Solo, Manuel Lourenzo, Lluís Homar, Francesc Orella, Mariana Carballal, Roberto Leal, Luisa Merelas, Milo Taboada, Roberto Alvite, Covadonga Berdiñas, Tania Lamata, Elena Seijo

 

SINOPSE

Elisa e Marcela coñécense na Escola de Mestras da Coruña mentres se preparan para seren profesoras de infantil. Pronto xorde algo máis que amizade entre elas. Os pais de Marcela, non conformes con esta incipiente relación, mandan a súa filla a Madrid. Cando regresa retomará a relación con Elisa pese ao rexeitamento dos seus veciños e familia logrando contraer matrimonio eclesiástico o 8 de xuño de 1901.

 

CRÍTICA

Elisa Sánchez Loriga e Marcela Gracia Ibeas contraeron matrimonio na Igrexa de San Xurxo de A Coruña en cerimonia oficiada polo párroco Víctor Cortiella. Unha voda que, hoxe en día, pasaría desapercibida, mais o certo é que aconteceu o 8 de xuño de 1901; algo máis de cen anos antes de aprobarse a lei que fixo legal o matrimonio entre persoas do mesmo sexo (Lei 13/2005, de 1 de xullo). Eran tempos dunha Galiza profundamente católica e conservadora, polo que as namoradas tiveron que idear un enxeñoso plan para enganar a todo o mundo: durante o oficio Elisa pasou por home baixo o alcume de Mario Sánchez, rol que tivo que asumir tempo despois para non levantar sospeitas.

Este fito revolucionario na loita polos dereitos LGTBI foi documentado por vez primeira o 30 de xuño dese mesmo ano nun artigo do xornal La Voz de Galicia no que aparecía a famosa fotografía da parella, inmortalizada por José Sellier, baixo o título “Matrimonio sen home”. Aínda que a historia tivo bastante repercusión no momento non foi até máis dun século despois que ocupou o lugar histórico que merecía. O ensaísta e pedagogo Narciso de Gabriel rescatou o artigo de La Voz para iniciar unha minuciosa pescuda documental que abocou na publicación, en 2008, da novela-ensaio Elisa e Marcela, alén dos homes.

Era cuestión de tempo que alguén se fixara nesta historia para levala á gran pantalla. Antes pisou as táboas grazas a posta en escena da compañía de teatro A Panadería e, pouco despois, foi Isabel Coixet quen tomou o testemuño para facer a versión cinematográfica, inspirándose na primeira parte do ensaio de Narciso de Gabriel, que tamén participa no guión. Malia que tivo estrea en salas, é unha produción Netflix na que tamén participaron TV3, Agadic, a produtora catalá Rodar y Rodar e a galega Zenit, entre outras; mais é netamente Netflix.

Falei xa moitas veces da Netflixploitation, un “palabro” que inventei para describir o que acontece cando alguén “vende a súa alma” a esa plataforma streaming. Xa se pode ser a mellor cineasta do mundo que a calidade do filme resultante sempre vai quedar moi por debaixo do agardado, por non dicir que adoita ser unha absoluta decepción. O acontecido coa Roma de Cuarón simplemente é a excepción que confirma a regra.

Coixet non se libra da maldición. Conta con bos vimbios (a historia), un traballo técnico impecábel e até momentos interpretativos de altura, como o episodio do “brutiño” Tamar Novas ou os instantes nos que Natalia de Molina (Elisa) e unha xenial Greta Fernández (Marcela) se liberan, por fin, da rixidez inicial e dan renda solta ao seu amor... mais o filme carece de alma. Todo resulta demasiado académico, finxido... e por riba denota un desprezo (case) absoluto pola cultura galega e a súa lingua.

Sendo puristas é certo que a principios do século XX o galego estaba en retroceso, sobre todo nas zonas urbanas como A Coruña. Mais tamén é certo que durante as dúas terceiras partes do filme non sabemos moi ben se a trama acontece na Galiza, en Asturias ou en Catalunya. Só os topónimos sobre-escritos en pantalla e as aparicións dos actores e actrices galegos, como María Pujalte, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas ou Tamar Novas, nos re-sitúan xeograficamente.

As alarmas saltan cando a trama se traslada a Portugal. Se o alxecireño Manolo Solo fai un esforzo notábel por falar con sotaque portugués, por que non se tomou a mesma decisión na parte galega para que as protagonistas acadaran o mesmo nivel de credibilidade nas expresións lingüísticas que se lles presupón as súas personaxes?

Malia todo, Elisa e Marcela acada o encomiábel propósito de dar visibilidade internacional ao primeiro matrimonio lésbico documentado ao mesmo tempo que reivindica todas esas mulleres que loitaron (e loitan) por unha sociedade máis igualitaria, libre e xusta.

 

Comentarios