Eli Ríos: "Interésame que a poesía provoque o pensamento"

Con Anamnese a poeta Eli Ríos vén de gañar a segunda edición do Premio Lueiro Rey de poesía convocado polo concello de Fornelos de Montes e a Asociación de veciños O Cruceiro da Laxe. Despois de títulos como nós escoitando o badalo de Marienplatz (Espiral Maior, 2010) ou o recente Maria (O Figurante, 2013), Eli Ríos achéganos unha poesía que quere provocar preguntas e facer pensar. 

Eli Ríos
photo_camera Eli Ríos

-Que hai detrás dun poemario que se titular Anamnese?

Está tomado polo lado da Filosofía. Pensamos que a poesía é algo impreso no libro mais a poesía é tamén algo que levamos dentro e temos que sacar. Trátase de poesía narrativa na que dúas persoas se encontran e unha pensa que xa coñecía a outra e vanse dando circunstancias particulares que fan saír o coñecemento. O argumento dá pé a que o eu lírico fago ese proceso de chegar ao coñecemento que hai dentro. 

-Nos anteriores libros seus, e moi especialmente en Maria, o protagonismo era feminino. Continúa nesa liña? 

Están escritos en momentos diferentes aínda que saian publicados cambiados de orde. Anamnese é previo a María e non está relacionado con nada do que teña escrito até o momento. Só no fin do libro revélase o xénero. De todas maneiras, escribir poesía é duro, un traballo solitario de moito tempo, se escribise sempre o mesmo non sería nada divertido. A poesía ten que enganchar, xogar contigo e sorprenderte. 

-No seu blogue transmitiu o entusiasmo por recibir a noticia do premio Lueiro Rei. 

Que te premie un xurado como este composto por Mecedes Queixas, Armando Requeixo e Lois Cochon con Carme Carreiro de secretaria é un auténtico luxo. Eu sigo o seu traballo e son xente activa que se move por intereses que eu teño como a lingua, a cultura ou a educación. 

-Do xurado chegáronlle algúns dos primeiros comentarios do seu libro, como cre que vai ser a recepción no público lector? 

Non sei mais o que me gustaría é que se fixeran preguntas, que fora un xogo que nos faga pensar, que non se trate dun lector pasivo senón que participa na lectura. O libro está distribuído en capítulos e obriga ao lector a facer un traballo, pasar páxinas, cambiar de voz poética... detrás agóchanse as dúbidas do ser e da literatura. 

-En María, recén publicado e gañador do Premio de Poesía Figurante, a súa vontade era recuperar a memoria dunha muller, María Soliña, sempre contada por homes,  a través dunha voz feminina. 

Estamos nunha sociedade na que a Lei Wert está a facer idiotas funcionais, aprenderemos a ler e sumar mais pouco máis. Non se procura a curiosidade, que nos fagamos preguntas, a investigación. Na literatura acontece o mesmo, os éxitos de venda son libros que non fan pensar, que nos queren sumir na amnesia colectiva. Estamos a quedar sen recursos nas aulas. O enfoque do libro é dirixirse ao lector e dicirlle: espabila, que non che vou dar todo feito! Interésame que a poesía provoque o pensamento. Non quero dar respostas senón que se fagan preguntas. 

-A poesía pode loitar contra esa amnesia colectiva? 

Todo libro que faga pensar, aínda que só sexa un verso contribúe a que espertemos. Os poemas do libro comezan cunha cita dun autor que me leva a escribir, ese poeta conseguiu que participase activamente na literatura, no proceso doutra persoa. A min gustaríame que co meu libro acontecese iso. 

-Vostede é unha das autoras que participa no portal de crítica literaria feminista “A Sega” que fai agora un ano. Que significou a súa creación?

Pois que era necesario. Estamos a falar de leis que nos impiden ser donas do noso corpo e na literatura acontece o mesmo. Os grandes críticos son voces masculinas. Cando unha escritora como Fina Casalderrey entra na Academia é como un fito: “entrou unha muller”, dicían, e nin se fala da súa traxectoria e todos os méritos que ten. Seguimos nese estado en que as voces femininas, e non só as galegas, están sempre vistas desde o punto de vista do home, xa que os críticos son masculinos. Nós quixemos darlle voz  ás escritoras que non saen na prensa, que non están na Academia, que están invisibilizadas. 

-Que balance fai deste primeiro ano de acción?

No persoal medrei como nunca. Temos un foro interno no que cada quen vai facendo as súas aportacións e cada día aprendes algo máis que, no profesional sérveche para escribir con máis rigor, para quitar todos os prexuízos, que tamén os temos. 

-Gaña o Lueiro Rei que na primeira edición foi para Silvia Penas e comparte o Figurante con Marta Dacosta, as mulleres están no primeiro plano da poesía?

Sempre houbo mulleres poetas, sempre publicaron e estiveron en recitais, o que acontece é que agora hai maior conciencia. Entre outras iniciativas, a Sega leva un ano visibilizando obras de mulleres. Temos unha Academia anacrónica e compre mudar as cousas. Agora que conmemoramos o décimo aniversario da morte de Xela Arias e tanto se fala dela, eu pregúntome, quen ten un libro seu na casa? A iso nos referimos cando dicimos que hai que visibilizar mais tamén que as cousas están mudando. 

-Os premios son, neste tempo de crise, imprescindíbeis para que un libro saia publicado? 

Hai editoriais que continúan a facer un traballo inxente xa que a poesía nunca dá beneficios e hoxe non lle sobran cartos a case ninguén. Nun caso como o meu, que non son activa no mundo literario, o premio é necesario para que un poemario saia publicado. Ademais danlle moita visibilidade aos libros. 

-Crítica na rede e tamén autora dun blogue, atópalle rendibilidade a esas novas ferramentas para a comunicación literaria?

É unha forma moi rápida e efectiva de chegar ao público lector. Estamos no século XXI e a poesía tamén reflicte a sociedade na que nace en calquera dos meus dous últimos poemarios, a lingua é informática e visual.

Comentarios