Eli Ríos gaña o Torrente Ballester

Coa súa novela 'Luns' obtén a primeira edición do Premio de Narrativa Torrente Ballester que se convoca coa modalidade de lingua galega. 

1024px-Eli_Ríos_(AELG)-4
photo_camera Eli Ríos

Eli Ríos é a gañadora a primeira convocatoria do Premio de Narrativa Torrente Ballester que se convoca coa modalidade de lingua galega. Faino con 'Luns', unha novela. O xurado destacou que a novela está construída arredor dunha protagonista que é unha "personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si propia ante unha situación vital dramática".

O xurado está composto por Ramón Nicolás Rodríguez, Mercedes Queixas, Eva Moreda, Ledicia Costas e Mario Regueira, con Mercedes Fernández-Albalat de secretaria e Goretti Sanmartín de presidenta. A decisión foi por maioría. Valoran na obra de Eli Ríos "a capacidade de reflexionar sobre as duras circunstancias que acontecen na súa vida".

Esta primeira convocatoria do Premio, promovido pola Deputación da Coruña, acadou cifras de récord: 18 obras finalistas das 101 presentadas, o que supón máis do dobre da edición que máis obras en galego recibiu: a do 2009 con 47 títulos. 

Todo indica que a razón que explica semellante éxito é a dotación económica, que ascende a 25.000 euros, máis do dobre dos máis suculentos premios da literatura en galego que existían até o momento: o Repsol de Narrativa Curta (12.000 euros máis publicación), o Blanco Amor (ídem) e o Xerais de novela (10.000 euros incluíndo os dereitos de autor dos 3.000 primeiros exemplares vendidos). 

En ampliación

Comentarios