Eli Ríos gaña con "Café intenso" a primeira edición do premio Rosalía de Castro de Padrón

Café intenso é o título co que a poeta Eli Ríos gaña a primeira edición do Premio Rosalía de Castro de poesía promovido polo Concello de Padrón. A escritora suma un máis a súa listaxe de recoñecementos literarios, desta volta, cun libro no que leva a violencia machista á poesía.  

Eli Ríos

Premio do Concello de Carral, Illas Sisargas, Figurante, Lueiro Rey, Francisco Añón, Centro Recreativo de Artes, Modesto R. Figueiredo, Pura e Dora Vázquez... e agora primeira edición do Rosalía de Castro que vén de crear o concello de Padrón. A poeta Eli Ríos suma con Café intenso un novo galardón un novo título a súa xenerosa listaxe de premios literarios. 

O xurado, desta volta, estaba composto polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e as profesoras Dolores Vilavedra, Ana Acuña, Olivia Rodríguez e María Jesús Senín ademais da técnica de cultura, Cruz Taboada que actuou como secretaria. Valoraron a “proposta innovadora na tradición europea experimental que, a partir do cotiá, constrúe un universo poético narrativo en conexión coas artes visuais” que ofrece o novo libro de Eli Ríos. 

Poesía contra violencia machista

“Pode que só nos interese a catro e que as/os demais sigan bruando contra os premios, festexando datas que nos esconden pero… sinceramente… prefiro agradecer a valentía deste xurado que saca á luz un texto no que unha muller é asasinada pola violencia machista porque no momento que a poesía desconecte da realidade, que papel teremos as persoas que creamos na mudanza deste imaxinario que nos mata?”, escribe a escritora no seu blog sobre o libro premiado. 

A escritora non ofrece, como sinala, unha “chamada á tristura e á desesperación”, senón á loita, neste caso desde a poesía, na vontade de mover para que a situación mude. 

nós escoitando o badalo de Marienplatz (Espiral Maior, 2010), Maria, (O Figurante, 2013),  Anamnese, (Sotelo Blanco, 2014) ou Diario de fotogramas, (Concello de Ribeira, 2014) son algúns dos seus anteriores títulos. 

Comentarios