Eli Ríos gaña o López Abente cun poemario que pretende ser "unha bomba explosiva"

A escritora ordense vén de gañar o IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente cun poemario titulado 'Culpable', "unha proposta poética moi arriscada", segundo o xurado. 

elirios
photo_camera Eli Ríos [Foto: Eduardo Castro Bal]

Logo de acadar a finais do ano pasado o Torrente Ballester de novela (o máis suculento dos premios en galego), Eli Ríos acaba de gañar o López Abente de poesía por unanimidade do xurado, un recoñecemento que significa moito para ela porque "é un poemario moi arriscado na forma" e "quere romper coas formalidades que hai hoxe na poesía". 

Eli Ríos: "Vai contra esa xente que publica versos nas cuncas, versos tipo Paulo Coelho, positivistas, que pretenden vendernos que a poesía é iso".

É máis, explica Ríos, "pretende ser unha bomba explosiva para dinamitar o sistema poético". E dispara: "Vai contra esa xente que publica versos nas cuncas, versos tipo Paulo Coelho, positivistas, que pretenden vendernos que a poesía é iso. Tamén contra a xente que colle versos das mulleres e os fai propios como se fosen públicos, sen citar. Contra os que queren que a poesía sexa só academicista e dunha elite, contra aquela xente que fai análises de poéticas dos libros de muller como se fosen biografías". 

O xurado -formado polos poetas Miro Villar, Serxio Iglesias e polo secretario da Fundación  López Abente, Suso Sambade,- definiu a obra como "unha lúcida reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico, mesmo avogando pola súa anulación, e tamén a propia linguaxe, a través dunha complexa estrutura de verso longo e con pegadas de rupturismo e experimentación contracultural e vangardista". E tamén engadiu que 'Culpable' "achega unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros, no que a poesía se transmuta en narrativa, dramaturxia ou ensaio lírico". 

Eli Ríos (Londres, 1976) publica este setembro en Xerais 'Luns', a súa primeira novela para adultos que resultou gañadora do Premio Torrente Ballester na modalidade de galego. E o poemario gañador do López abente, que supón un montante económico de 2.000 euros, tamén será publicado pola mesma editorial nos vindeiros meses. Será o seu sexto poemario publicado, ademais de dúas obras de literatura infanto xuvenil, xunto cunha biografía para crianzas de María Victoria Moreno. Ten acadado case unha decena de premios literarios, como o  Concello de Carral, o Lueiro Rei, o Illas Sisargas, o Modesto Figueiredo ou o Rosalía de Castro, entre outros. 

Comentarios