Elga Fernández Lamas, debuxante: "Se se facían imaxes de Frida Kahlo con esas flores, pensei que podía facer algo semellante con Rosalía"

A arista Elga Fernández Lamas (EFL)
photo_camera A arista Elga Fernández Lamas (EFL)

As cores poden ter moitas funcións. Para a artista galega Elga Fernández Lamas é unha maneira de atraer a atención cara ás súas obras e transmitir unha mensaxe diferente á que coñecemos. Recoñece que goza cos encargos, por moi complicados que sexan, polo desafío que representan. Non cre na inspiración e si no traballo creativo que se pode aplicar a calquera tipo de arte. Bebe de fontes diversas, aínda que diferentes, do mundo do deseño e da ilustración. Representa, en definitiva, unha imaxe de renovación valente e orixinal.      

De cativa era das que debuxaba nas aulas?

Non! Debuxaba, mais non desa maneira. Teño que dicir que lataba ás clase moito, non me interesaba o instituto. Non era aplicada. De maior descubrín que non facía falta ser boa debuxante para debuxar, para chegar a explicar o que queres dicir coa imaxe. Si que fixen algunha exposición cando era máis moza, interesábame, mais non cheguei a estudar nada de arte. Eu son de imaxe e son, que era o que me gustaba, e era ao que me quería dedicar. Cousas da vida, mira ti, e un día decidín que quería aprender a ilustrar. Co meu primeiro contrato xa dixen que era o que quería facer.

Podemos dicir que ten fontes de inspiración para realizar a súa obra?

Eu en realidade non creo nas fontes de inspiración. Creo no traballo, sexa en arte ou en literatura. Si que é verdade que cando tes un encargo tentas investigar. Podo dicir, iso si, que debuxantes me gustan, aínda que son ben diferentes a min. Por exemplo Jean Jullien, un francés que fai cousas moi divertidas. Tamén está Malika Favre, unha rapaza que fai unhas ilustracións moi elaboradas cunha cor brutal. Vive en Barcelona e aparece en moitas publicacións internacionais. Podo nomearche tamén a obra de Leoni Bos. Son xente que debuxa de maneira moi sinxela, mais cun fondo traballo por atrás. 

Cando non traballa por encargo, cales son as súas temáticas preferidas?

Hai unha parte divertida. Fixen unha colección de postais de Compostela na que empreguei elementos como a torta de Santiago, que é moi famosa, mais tratada dunha maneira diferente, até as figuras de Abraham e Isaac da catedral coas que quedou Franco. É unha maneira de chamar a atención. Gústame tratar a figura da muller e teño obra con Rosalía, as Marías,... para que a xente saiba algo máis da historia destas mulleres. Tamén debuxei as mariscadoras, unha profesión que non se reivindica moito. 

E cando son encargos?

Nese caso recibes unha serie de indicacións que logo tes que empregar. O que manda é o que contrata aínda que eu sempre o levo polo meu camiño. É moi doado e divertido. Ao principio pensas que non sairás, mais aos cinco minutos xa tes unha idea. 

As cores reflicten o seu estado de ánimo real?

Si, mais tamén é unha maneira miña de chamar a atención. É a forma de entrar nas persoas que teño   para logo deixar caer a mensaxe. Consegues achegar o que queres en realidade e explicar igual, aínda que a mensaxe que teña non sexa tan positiva.  

Que foi o máis bonito que lle dixeron dunha obra súa?

Eu non teño unha obra moi ampla, mais téñenme entrevistado varias veces. No caso das miñas postais de Ferrol, que eran reivindicativas, un señor paroume pola rúa e díxome que nunca vira tal cousa. A súa idea de postais era das clásicas. Noutra ocasión tamén me pararon por un libro que realizara de Ferrol e pedíronme un autógrafo, agradecéndome que fixese esa obra.

Do que fixen de Rosalía tamén comentaron que era outra. Era o que eu tentaba, unha imaxe elegante, facela moi bonita porque era fantástica. Pensei que se se facían imaxes de Frida Kahlo con esas flores, por que non facer algo semellante con Rosalía? Outro traballo que gustou moito foi o da obra de Ricardo Carvalho Calero, na que o situei camiñando co LH como para atopar o Día das Letras Galegas. Eu estou moi contenta de que guste a miña obra.

Comentarios