Elga Fernández, ilustradora: “Non é sinxelo vivir en exclusiva da ilustración"

Elga Fernández Lamas é unha ilustradora galega que traballou para a Generalitat de Catalunya e para os concellos de Ferrol e Valencia, entre outros. A súa obra, moi colorida e vistosa, trata sobre todo temáticas vencelladas co mundo do rural e co papel da muller dentro da sociedade. O seu traballo pódese seguir en Instagram e na súa páxina web.
ELGA FERNÁNDEZ
photo_camera Elga Fernández leva seis anos dedicándose á ilustración de maneira profesional. (Foto: Nós Diario)

Cando comezou a interesarse polo mundo da ilustración?

Eu xa levaba moito tempo interesada na ilustración, pero foi en 2015 cando comecei a vela como algo ao que me podía dedicar e do que podía vivir. Ese ano fixen unha serie de postais para a cidade de Ferrol, e tiveron moito éxito entre a xente, compráronme moitas. A partir de aí, comezaron a chamarme máis para pedirme encargos, e o meu interese profesional comezou a crecer. Normalmente, os clientes póñense en contacto comigo a través de correo e acordamos as características e o prezo. Teño a sorte de ter traballos tanto aquí como noutras partes do Estado español. Traballei para a Generalitat de Catalunya, para o concello de Valencia, no Val de Arán...

Atopa tempo para facer ilustracións propias cando non está a traballar?

Si, é algo que me gusta moito. Na miña conta de Instagram teño subidas varias que son feitas por decisión propia e non por encargo. Para min está moi ben poder facelo, porque así podo dedicarme a facer ilustracións que me poidan encher máis persoalmente. Non sei por que, pero gústame moito tratar o mundo do rural e o mundo da muller desde un punto de vista moi colorido. Teñen unha parte protesta e de concienciación social, pero cunha perspectiva máis desenfadada. 

No caso da ilustración, o sector está nun momento álxido, pero non che podo dicir tampouco que eu poida vivir ben dela. Estou nese momento no que, coa cantidade de traballo que teño, podo vivir dela, pero aínda me faltan un par de anos para alcanzar iso que a xente denomina vivir ben dun traballo

As súas ilustracións buscan transmitir algunha mensaxe, ou son simplemente unha manifestación visual?

A maioría das miñas ilustracións queren contar algo. Non me interesa demasiado non dicir nada, é algo que non me sae. Si que é certo que hai algunha que pode ser que non teña unha mensaxe implícita, pero son as menos. Por exemplo, debuxei o Pórtico da Gloria por pracer, pero habitualmente as ilustracións que confecciono teñen unha reivindicación da muller, como nun debuxo dunhas mariscadoras que fixen. Gústame que as mulleres sexan as protagonistas e que teñan algo interesante que amosar ao espectador.

Garda especial recordo dalgunha das ilustracións que confeccionou até o de agora?

Hai anos si que escollía algunha pola dificultade que me supuxera elaborala, pero agora mesmo estou nun punto no que me gustan moito todas as ilustracións que fago. Non teño ningunha en especial que poida dicir que me guste máis. Por responder a túa pregunta, fixen unha para a parada de Nazaret, no metro de Valencia, que desfrutei moito á hora de ilustrar. Nazaret é un barrio que está nunha situación bastante complicada, de abandono por parte das diferentes institucións, e o feito de que me escolleran a min para darlle algo de cor a esa parada en específico foi moi emocionante. Unha representación do que o barrio podería volver ser se se aposta por el.

Non semella unha boa época a nivel económico para vivir do sector artístico.

Penso que, no caso da ilustración, o sector está nun momento álxido, pero non che podo dicir tampouco que eu poida vivir ben dela. Estou nese momento no que, coa cantidade de traballo que teño, podo vivir dela, pero aínda me faltan un par de anos para alcanzar iso que a xente denomina vivir ben dun traballo. É un proceso longo. Non é sinxelo chegar a vivir exclusivamente da ilustración, pero iso non debería botar a xente nova atrás. 

As institucións apoian o suficiente?

Penso que non. Hai certos organismos, como algúns concellos e partidos políticos, aos que si se lles nota que teñen certa sensibilidade pola cultura, e iso está ben, mais considero que hai outras moitas institucións que non pulan o máis mínimo polas artistas. Penso que é unha situación que se debería reverter.

Comentarios