O 'Dragal Challenge' aséntase na saga fantástica de Elena Gallego

Elena Gallego: "Levar ese universo ás novas plataformas é un modo de achegar a xente cativa á Galiza máxica"

Foi en 2010 cando Dragal I. A herdanza do dragón saía á luz. Logo de cinco libros e sen fechar as portas a un sexto nun futuro, o universo literario creado por Elena Gallego achégase agora ás novas tecnoloxías a través do Dragal Challenge.
Ademais da saga 'Dragal', Elena Gallego é autora das obras 'Sete caveiras' ou 'O xogo de Babel'. (Foto: Distrito Xermar)
photo_camera Ademais da saga 'Dragal', Elena Gallego é autora das obras 'Sete caveiras' ou 'O xogo de Babel'. (Foto: Distrito Xermar)

Como xorde esta iniciativa?

Este proxecto está a dar continuidade ao traballo que se leva facendo ao longo da última década. Dragal non é algo que nacese de golpe.

A nivel literario xa van cinco libros publicados, con traducións ao catalán, inglés e mais ao castelán. No terreo do audiovisual, a produtora Ficción Producciones comezou a traballar coas obras hai uns anos. A idea era facer unha banda deseñada ou un traballo interactivo a partir das novelas da saga Dragal. É un pouco o que se vén materializando agora, levar ese universo ás novas plataformas dixitais. 

A partir dos libros créase unha idea, un universo, e comeza a xurdir un proxecto educativo. Digamos que este é outro chanzo, tamén se pode empregar no eido da educación. 

É unha forma de que a xente cativa se achegue a esa Galiza máxica e ademais, dada a súa proximidade ao mundo dos videoxogos, ofrecerlles algo que sexa un pouco novo. O universo literario foi o que deu a idea para levar a cabo máis iniciativas, son carreiras que van moi paralelas.

En que consiste o Dragal Challenge?

Cando se pon en marcha un concurso de calquera ámbito, os primeiros que participan teñen a incógnita de como funciona. Eu tamén teño un pouco esa incógnita. O punto de partida son unha serie de familias ou outras estruturas -mesmo un profesor con tres alumnos- que terán que ir superando probas situadas en distintos puntos da Galiza. O obxectivo é descubrir onde se agochan eses ovos de dragón, seguindo unha serie de pistas e empregando as novas tecnoloxías, con realidade aumentada, intelixencia artificial, etc. Logo, os mellores equipos pasarían a unha final que vai ter lugar en Compostela e que pode ser incríbel.

Cre que o proxecto impulsará as persoas participantes a coñecer os libros?

A min gustaríame que tivese ese retorno. É algo que xa se ten dado desde que naceu Dragal, moita xente descubriuno de xeito colateral; a través dunha actividade que non tiña que ver, rematou atopando os libros. Ocorre noutros casos, moitos ven primeiro o filme e logo len o libro. Dragal segue vivo despois de tantos anos. Moitas veces escribir un libro é un traballo na sombra e preparar algo así tamén leva o seu tempo. O importante é que a historia da Galiza, a súa maxia e eses dragóns que temos aquí os poidamos ir descubrindo, desta vez a través dun xogo.

Indo ás orixes, como naceu este universo literario?

Todo comezou por un "cabreo" co meu fillo. En 2008 el era adolescente e nese momento practicamente non había fantasía en galego, quizais algunha tradución e pouco máis. Eu son moi lectora e cando ía a calquera feira do libro dicíalle que collese algún que lle gustase. A el só lle gustaban os dragóns e todo o que había era en castelán. Foi un pouco cando dixen “se non hai nada, escríboo eu”. Aí saíu esa mirada do meu fillo de “mamá, pero como vas escribir unha novela de dragóns, estás tola”. Foi cando xurdiu o reto, naceu un pouco así.

Agora xa van cinco libros. A partir dese primeiro seguimos escribindo. Cando rematou a primeira triloxía foi cando Ficción Producciones fixo a proposta para levar o universo literario un pouco máis alá, ao audiovisual. Daquelas sementes, agora saíron estes primeiros gromos verdes.

Cal é a situación da literatura fantástica en galego?

Agora hai editoras que non existían antes, novas autoras e autores e moita máis variedade. Chamoume a atención que, cando comecei a escribir, non houbese nada. Dragal é, até onde eu sei, a saga fantástica co maior número de libros escritos orixinalmente en galego. Cando escribín a primeira triloxía, non existía ningunha en galego. Nese momento non atopabas nada, agora a situación vai mellorando aos poucos.

Comentarios