Elena Ferro, Premio Nacional de Artesanía 2019

Este galardón outórgao o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ao conxunto dunha obra consolidada.
elena ferro

Elena Ferro foi galardoada esta cuarta feira co Premio Nacional de Artesanía 2019 que outorga o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo ao conxunto dunha obra consolidada, dotado con 7.000 euros.

Elena Ferro é a cabeza visíbel de Eferro, fundada en 1915 polo seu avó. A artesá pontevedresa é a terceira xeración que fai parte dun taller que destaca por un produto característico da tradición rural galega: os zocos de madeira.

Ferro manifestou que o premio é un "orgullo" para ela e para toda a súa familia. Emocionada, sinalou que "o premio é o broche de ouro a un oficio que estaba a piques de desaparecer" e desvela a súa satisfacción polo recoñecemento a un "un calzado tan humilde como os zocos".

Nunha entrevista en Sermos Galiza en agosto do ano pasado, esta artesá explicaba como nacera a súa aposta en 'modernizar' este calzado tradicional galego: "Eu escoitei sempre moitísimos comentarios despectivos sobre os zocos, ías á feira e 90% da xente non quería saber nin de zocos nin de pan de millo porque iso significaba pobreza. Ese autoodio que nos caracteriza os galegos, avergoñarse un pouco do que somos. E iso foi o que me fixo dicir “isto non pode morrer aquí”. 

Comentarios