Cultura

A "electrónica de aldea" de Cé Tomé reivindica o dereito á diferenza

'Mad:ame' atópase entre o dixital e o analóxico
O artista vigués Cé Tomé.
photo_camera O artista vigués Cé Tomé.

Cé Tomé, coñecido tamén como MisterChoco na súa faceta como DJ, vén de lanzar o seu último disco, Mad:ame. Trátase da segunda entrega do proxecto Hi-Fi:Wi-Fi, unha proposta que parte da mestura básica do analóxico co dixital, segundo explica o propio autor, así como doutros pares de opostos como o vello e o novo, o intelectual e o hedonista, o urbano e o rural.

"As instrumentacións gravámolas analoxicamente, é todo tocado, pero logo a produción é dixital", afonda. O máis complexo deste proceso era "manter a calidez dos instrumentos unha vez que os pasas polo filtro da electrónica, pero sen iso remata sendo moi fría". Fuxindo desa deshumanización, un dos trazos característicos da proposta é o uso de instrumentación tradicional de diversas culturas, desde a xaponesa até a galega. A idea guía que persegue Tomé na exploración destas atmosferas poboadas de múltiples capas é saír dos camiños trazados, que resume a expresión francesa sentiers batis.

O máis complexo deste proceso era "manter a calidez dos instrumentos unha vez que os pasas polo filtro da electrónica, pero sen iso remata sendo moi fría"

A súa é unha procura do orixinal nun mundo cotián dominado pola homoxeneidade, tamén no eido do folk. "Ás veces a música tradicional peca de rancia, de non moverse, coido que non lle sacan moito partido á instrumentación, porque usan sempre as mesmas pautas. A gaita como solista e a pandeireta sempre como acompañamento", declara en referencia á súa teima por "sacar as cousas do seu contexto habitual". A el resúltalle máis "fresco" escoitar unha gaita sobre unha base de drum & bass que nun tema folk convencional.

A conciencia do outcast

O uso deses instrumentos tradicionais vai parello ao desenvolvemento dunha personalidade propia. "Non facemos músicas do mundo nin folk étnico, mais tampouco electrónica ao uso", explica Tomé. Cun pé en cada banda, o que transita Mad:ame é un "terreo de ninguén". Isto "creativamente é super enriquecedor", afirma, "pero a nivel mercado é un suicidio".

"Ás veces a música tradicional peca de rancia, de non moverse, coido que non lle sacan moito partido á instrumentación, porque usan sempre as mesmas pautas", opina Cé Tomé

A inexistencia dun oco aberto, como acontece con xéneros máis pautados, dificulta a recepción por parte do público e a industria. "Cando a sonoridade ou as estruturas empregadas xa estaban aí é previsíbel, pero iso fai que a xente o acepte de maneira máis fácil", entende o artista. "Nós estamos atopando que os selos discográficos se moven nuns baremos moi concretos e o noso non encaixa. E o mesmo cos programas de radio: ou son de rock, ou son de indie...".

Mais a súa música non se deixa acomplexar por iso, senón que se ergue con orgullo desde a conciencia marxinal do outcast. Con ritmos que evocan o house, o kraut-rock ou o propio drum & bass, enredados en sons de raíz tropical ou cos tempos de muiñeira envoltos en acid, a singularidade é a liña guía.

Mais se hai unha vontade de fuxir das etiquetas non é premeditada, aínda que se cadra xorde inevitabelmente da crenza firme en crear sempre algo distinto do existente. "Compor cancións, gravalas, producilas, posproducilas... É moito traballo. Para facer algo que xa está feito", di con ousadía e convencemento Tomé.

"Eu non quero achegar algo que xa estea feito", insiste. Neses sendeiros da procura do xenuíno, fóra das modas, o seu desexo é "sen foder a herba, camiñar polo medio do campo". Esta "electrónica de aldea", como o autor a define, bebe dun proceso creativo que adoita ter lugar entre Bruxelas, onde reside habitualmente, e Galiza.

Mad:ame é o resultado de dous anos de traballo, rematado no estudio que Pablo Martin ten en Vigo. Ademais, revela Tomé que está comezando a compor "directamente no estudio", co que os temas collen "outro aire".

Contra as etiquetas

Cé Tomé négase a definir a súa música, pois "o mellor é escoitala". Falar de música é para el como facelo de pintura, e xa sabemos o que din: unha imaxe vale máis que mil palabras. "Se escoitas unha nota desa canción xa sabes máis dela que se che están a falar durante horas", di.

"As etiquetas poden servirlle ao mercado ou aos críticos, pero a min non me valen para nada", engade o autor, que non cre nos "xéneros puros". Aínda que hai moitas músicas que lle agradan, chama pola hibridación e a frescura do novo: "O flamenco pode gustarme moito, pero xa o escoitei. Se non aparece alguén como Triana no seu momento ou como Rosalía agora, o puro eu xa sei de que vai, non preciso que me canten a mesma tonadilla".

Esta concepción parte da vontade de vivir no presente, porque "a música tamén evoluciona e ten que ser herdeira dos propios tempos"

Fóra do mercado

Tomé entende a música e o mercado musical como dous entes que non necesariamente van xuntos. "No segundo falamos de Madonna. Pero se nos referimos á música non", expresa. "Nós facemos música, non mercado. Se queres vender discos, vai ao que xa está aceptado, non te arrisques", advirte, pois se antes "ser distinto" daba certo pulo, agora mesmo "vai en contra".

Desde a súa perspectiva, considera que "podemos permitirnos o luxo de crear", polo que se afastan desas lóxicas mercantís. "Para min a prioridade é facer un produto de calidade. Se unha canción me pide algo voullo dar, non me cingo ao comercialmente viábel". "Entendo que hai xente que ten que vivir nas súas coordenadas", di, mais no que respecta a si propio, Tomé reivindica o "dereito á diferenza", algo que considera máxima a nivel musical, mais tamén vital.

"É como a sexualidade: podes ser hetero, pero iso non debería impedirche estar cun home se che presta. Pódeche encantar o folk, mais non sexas tan fechado para que iso che impida gozar dunha canción con violíns e caixa de ritmos", reclama. "Creo que a vida é moito máis interesante do que ás veces queremos ver", conclúe Cé Tomé.

Comentarios