'CANTARES' ESTRÉASE NO CULTURGAL

Eladio leva os clásicos galegos ao seu terreo, ao pop

Unha das sorpresas do Culturgal virá nas alforxas de Eladio y los Seres Queridos, que nos presentan 'Cantares', un disco no que versionan temas populares galegos tanto tradicionais como de autores como Batallán, Andrés do Barro, Fuxan os Ventos ou Miro Casabella. 

eladio
photo_camera Eladio y los Seres Queridos [Eladio dos Santos, o primeiro pola dereita]

Nos últimos tempos, Eladio xa acostumaba a rematar os seus concertos con estes temas, así que para que para os seus seguidores tampouco foi unha viraxe tan radical. “Foi algo bastante espontáneo. Cando non se me ocorría nada polas noites, gravaba estas cancións en solitario. Ao ter cinco ou seis temas empezamos a pensar en facer un disco para regalarlle aos nosos pais”, conta o vigués. 

“É algo que tiña que facer, unha especie de débeda coa nosa infancia. Son as cancións que eu escoitaba no coche cando ía cos meus pais, así que supoño que tamén é un exercicio de nostalxia”, explica. “Hai clásicos fermosísimos, que foron levadas ao folc ou á música de orquestra, pero non ao pop. Non estaban nesa clave case nunca, así que tiñamos que facelo. Había aí un baleiro, porque a conexión entre o pop e a música popular é evidente. O pop pode estar detrás da forma de facer cacncións tanto d'A Roda como de Metallica”.  

“Bóla extra”

Este traballo, “que o pensamos como unha bóla extra entre o anterior disco e o próximo”, non será distribuído nas tendas nin xirarán só con este repertorio. “Gravámolo todo na casa. Non hai estudo, nin orzamento, nin masterización, non hai nada. Fixemos unha tiraxe moi pequena e só o imos vender na web e nos concertos”. E no Culturgal, onde poderá escoitarse o sábado 3 ás 20.30, e adquirirse. 

cantares-eladio

Esta selección particular do cancioneiro galego é, segundo se pode ler no propio disco, “un agarimo para os nosos pais e para os nosos fillos... para que non as esquezan”. E tamén para que “os non galegos descubran parte do noso cancioneiro”. 

De Emilio Cao a Miro Casabella

O disco inclúe once temas: “Fonte do araño” (Emilio Cao), “Marín por ti”, Flor da Murta, “A Bruxa” (A. Seoane, Milladoiro), “Cantiga de amigo” (Johan de Requeixo – Fuxan os ventos), “Meu amor é mariñeiro” (Fuxan os Ventos), “Camariñas” (A. Seoane), “Havemos de ir a Viana” (Homem de Mello – Oulman), “Quen poidera namorala” (Batallán – Cunqueiro), “Teño saudade” (Andrés do Barro) e “O meu país” (Miro Casabella). 

“Eu de neno fun gaiteiro e lembro tocar moito “Fonte do Araño, de Emilio Cao”, confesa esta referencia do pop galaico, que antes de botar a andar o seu proxecto en solitario fixo dúo con Tony Lomba (cunha potente vis cómica) e formou parte de Los Tres Sudamaricones. Tamén recoñece ser fan de Fuxan os Ventos, que “para min era o auténtico grupo folc galego”, aínda que quizais a súa favorita do disco sexa o “Quen poidera namorala” de Batallán: “Ten unha estrutura de cantiga de amigo cunha fondura brutal. É Cunqueiro facéndose o medieval con Batallán”.