Eladino Cabanelas, OzocoGZ: "Unha empresa galega se quere presumir de ser galega ten que tirar polo país"

Puro deseño galego e en galego. Eladino Cabanelas leva desde 2012 achegando propostas orixinais e prácticas a través da loxa en liña, e agora tamén física no Carballiño, de OzocoGZ. Camisolas, xogos de mesa e brinquedos son a súa especialidade mais tamén conta con produtos de artesanía galega.Ademais difunde o emprego da nosa lingua nun concurso de micro-relatos que xa vai pola 9º edición e que este ano dedica como tema ao tempo. 
Eladino Cabanelas no seu lugar de traballo habitual xunto ás súas creacións para OzocoGZ (Nós Diario).
photo_camera Eladino Cabanelas no seu lugar de traballo habitual xunto ás súas creacións para OzocoGZ (Foto: Nós Diario).

Como avaliaría a traxectoria vital do proxecto de OzocoGZ?

Comecei como deseñador gráfico e o proxecto naceu por unha necesidade. A miña profesión actual asentouse após a crise de 2008. Traballaba nun estudo de arquitectura e, logo de 20 anos nel, quedei sen traballo. Petei en vinte mil portas procurando do meu e xurdiu unha idea. Tiña na cabeza unha camisola cun zoco e o lema “convértete ao galego”. Puxemos un posto o 25 de xullo de 2012 no Festigal e para a nosa sorpresa vendimos 100.

Fixemos desa idea unha marca e así naceu Ozoco. Eramos dous socios e quedei eu co proxecto como vital. Fun deseñando unha ou dúas camisolas por ano, vendendo en festivais e feiras do libro até medrar. 

O verdadeiro cambio foi cando creamos o primeiro xogo de mesa "Ti non es de aquí?". Tiñamos camisolas en cinco ou seis tendas do país e co xogo pasamos a máis de 50 puntos de venda. Logo veu o xogo versión xúnior e en decembro de 2019 decidimos abrir unha tenda física no Carballiño.

De onde saca as ideas para deseñar camisolas e xogos?

Busco sempre algo relacionado coa nosa cultura. Para min é difícil posto que sempre tratei de fuxir do deseño fácil coa frase feita como punto de partida. Quero algo que transmita e reivindique. Parto de que sempre estiven no mundo reivindicativo. Unha empresa galega se quere presumir de ser galega ten que tirar polo país se quere que o país tire por un.

Hai unha oportunidade de mercado de xente que busca un detalle cultural e que reivindique. Pasa con outra liña que temos que son os cadernos onde buscamos frases que reivindiquen o noso idioma ou a nosa patria. É o que eu entendo como marca. 

Agora mesmo estou traballando nun novo xogo. Será para aprender ou para mellorar a nosa lingua. Pretendo que sexa atractivo, ao mesmo tempo, para quen estea estudando o noso idioma e para quen desexe melloralo. Agardarei a que pase a pandemia da Covid-19 para sacalo. 

Dese pensamento xurde o concurso de microrrelatos que este ano celebra a 9ª edición? 

Si, naceu no 2013 desa vocación de dar algo máis. Ë puro esforzo para pouco beneficio empresarial. Agora si, as satisfaccións son enormes. Copiamos un pouco a idea que tivo unha libraría de Allariz no que participara. Daquela pensei que podía ser unha boa actividade. A diferenza que buscamos, tamén co afán darnos a coñecer, foi buscar escritoras e escritores consagrados como xurado.

Pasaron polo concurso como xurado figuras da literatura galega consagradas como  Antón Riveiro Coello, María Reimóndez ou Xabier Docampo. Para esta edición contamos coa participación, por exemplo, de Inma López Silva e Miriam Ferradáns. 

Cara onde quere que evolucione o proxecto tendo en conta os cambios que virán pola pandemia?

Encantaríame manter a esencia. Malia este golpe forte da pandemia que foi moi forte par a todo o mundo cultural, tamén se pretendes vender deseño. Na nosa tenda, ademais de ter creacións nosas, procuramos contar con produtos tamén de clara esencia galega. Temos bixutería de Silvereira, de Cabuxa, por dicir algúns exemplos.

O que vexo pola clientela é que se ese produto ten máis esencia galega e lémbralle algo da raíz... vende. Así e como funciona e é cara onde debería ir o noso propio deseño. Buscar as nosas propias esencias e non cousas espurias nin nada polo estilo. No propio país, na Galiza, temos as ferramentas para vendernos fóra e dentro. 

Comentarios