Eira Losada, creadora da canle 'Nubes baixo ti', fala do uso do galego nas redes

Eira Losada: "As redes sociais son unha ferramenta moi boa para a normalización da lingua"

Eira Losada, youtubeira galega, leva máis de cinco anos coa súa canle Nubes baixo ti. Losada conta a súa experiencia na plataforma e opina sobre a importancia do uso do galego nas diferentes redes sociais. Ademais, defende a necesidade de crear iniciativas normalizadoras da lingua como o concurso Youtubeiros, cuxa última edición está a experimentar moito éxito, e fala do futuro do galego nas redes. Losada expón que “queda moito por avanzar, pero estamos no bo camiño”.
A entrevistada é unha ‘youtubeira’ galega. (Foto: Cedida)
photo_camera A entrevistada é unha ‘youtubeira’ galega. (Foto: Cedida)

Avante Pouca

Que foi o que a animou a crear unha canle en Youtube?
Decidín crear unha canle porque consumía moito contido en Youtube e porque sempre me gustou o tema de gravar vídeos. O obxectivo sempre foi crear contido que a min me gustase. Fago vídeos moi diversos pero os que máis me gustan son os de recomendacións de libros. Ademais, decidín levala en galego porque é a miña lingua e non a ía cambiar nos vídeos. Cando comecei case non había contido na rede en galego e debemos reivindicalo. Daquela só tiña 50 seguidores pero estes últimos anos fun medrando porque a xente comezou a consumir máis vídeos en galego. Hai un par de anos a súa presenza era case inexistente, pero agora están a nacer moitas canles novas que empregan a nosa lingua. Queda moito por avanzar, pero estamos no bo camiño.

Avante Media 

Aínda que a presenza do galego nas redes estea aumentando, pensa que segue habendo impedimentos á hora de chegar a máis xente? 
A realidade é que os vídeos en castelán non só chegan ao público español, senón tamén a toda Latinoamérica. O problema cos vídeos en galegos é a existencia dunha barreira que provoca que este contido non chegue ao público portugués e viceversa. Ese é un grande impedimento, o tema do público. Por outra parte, unha realidade bastante habitual na Galiza é que se adoita buscar na rede en castelán. Por desgraza eu tamén me inclúo. Cando buscamos unha receita, un libro, ou mesmo un vídeo dunha temática concreta en Youtube, tendemos a buscalo en castelán porque inconscientemente pensamos que non vai estar en galego. Penso que é algo que debemos cambiar para dar pé á creación de máis contido na nosa lingua.

Como ve o panorama actual do galego nas redes? 
Penso que mellorou moito nos últimos anos. No que a min respecta, noto que os meus seguidores subiron porque hai máis xente que consome Youtube en galego. Isto vén dado en gran medida polo proxecto Youtubeiros, que foi fundamental. Trátase dun concurso cuxo obxectivo é dinamizar o uso da lingua nesta plataforma. A primeira edición foi en 2016 e eu levo participando nel desde entón. De feito, gañei un dos premios o segundo ano. Pero o desta edición de 2020 está a ser xenial: moreas de canles novas, moitísimos vídeos... É xenial que se estea creando tanto contido en galego. Penso que estas iniciativas son moi necesarias para animar as persoas a empregar o galego nas distintas plataformas que están aparecendo. Os concursos chaman moito a xente e funcionan moi ben.

Avante Toda

Que lle diría a quen queira crear unha canle en Youtube? 
O primeiro, recomendaríalle facela en galego. O básico é ser unha mesma, é o que atrae a xente. Se esa persoa fala habitualmente en galego, non debería cambiar de lingua para facer os vídeos. O que se precisa no Youtube é que se traten temas de todo tipo e que haxa vídeos diferentes. O feito de falar en galego non implica ter que facer vídeos sobre o galego. Quero dicir, o uso da lingua non ten que ser unha categoría. Trátase de poder ver en galego o mesmo contido que existe en castelán. Ese debe ser o obxectivo, e penso que se está conseguindo. Creo que as redes sociais son unha ferramenta moi boa para a normalización da lingua entre as novas xeracións. Serven para demostrarlles que a nosa lingua é igual de válida e que pode estar presente en calquera ámbito. Xa comeza a haber variedade no Youtube galego, eu podería recomendar moitas contas. Agora co tema do concurso, ao meter o cancelo #youtubeiros, aparecen todos os vídeos. É unha moi boa forma de coñecer novo contido en galego.

Comentarios