domingo 27/09/20
Alfonso Conde di que fan "rural punk de taberna e pop rock de furancho"

"As Efémeras somos de palco pequeno, mais estamos sobradamente preparadas para tocar no grande"

A banda As Efémeras, nacida no seo do colectivo Artelixo de Redondela, estreará as súas cantigas e composicións en dúas actuacións fechadas para o 2 de agosto e o 15 de agosto. O grupo amósase aberto ás contratacións para xirar por toda Galiza.
Cartaz promocional da banda As Efémeras (Foto: As Efémeras)
Cartaz promocional da banda As Efémeras (Foto: As Efémeras)

A de Alfonso Conde, máis coñecido en todo Redondela "e mundialmente" como 'Fon', é unha ansia pola actividade, pola vida e pola música que se sente mesmo a través das ondas telefónicas. Este novo rockeiro partilla "bolos" con Olga Nogueira (composicións, arranxos, acordeón e voz), Claudia Sánches (voces e percusión), Paqui Crespo (voces e percusión), Irene Campelo (voces e percusión), Pedro Pérez (composición, arranxos, guitarras e voz) e Berto Covelo (composición, voces e percusións). En cuestión duns días estrearán a súa música, a obra d'As Efémeras, que naceu ao abrigo do colectivo multicultural Artelixo.  

Avante Pouca
Están a piques de estrearse no mundo da música. Como se coñeceron as integrantes?
Nós pertencemos ao colectivo Artelixo, que comezou cunha protesta que se fixo nos anos 90 por un vertedoiro incontrolado que había en Redondela. Desde ese momento varias asociacións empezaron a montar o Artelixo.

En que consistía?
Eran propostas de esculturas feitas con refugallos que se expoñían polas rúas de Redondela. Nos 15 días que duraba facíanse máis actos pero deixouse. En 2012 recuperouse. Outro colectivo quixo volver facelo e chamaron algunha xente que estaba ao principio como eu, que xa son veterano. Desde 2015 xa o colleu o colectivo Artelixo

Mais tamén están vinculados á entidade Siña Paca...
Montamos a asociación que se chama Siña Paca como un colectivo que naceu hai un par de anos porque viamos que aquí a cultura non tiña apoio. Non estabamos de acordo con como a estaban a levar desde o Concello e foi un pouco para facer presión e protestar por iso. 

Avante Media 
Dentro diso xorde a vertente musical?
Vimos que algunhas tíñamos inquedanzas musicais e foi nacendo As Efémeras, que vén sendo un grupo musical.

Quen son As Efémeras e que proxecto musical teñen?
As Efémeras somos artistas e activistas culturais de Redondela comprometidas coa ecoloxía, a cultura e a fala do país. Este proxecto comezámolo en 2019 e pretendemos, desde a nosa sensibilidade ancorada no propio espírito universalista, mandar unha mensaxe de rural punk tabernario e pop rock de furancho desde Redondela para o mundo.   

Eses estilos escollidos son unha declaración de intencións para os concertos?
Somos de palco pequeno, mais estamos sobradamente preparadas e preparados para o grande. O que ofrecemos é unha música sensíbel, con contido, moi festeira e de alegría vital para a pandemia e as demais circunstancias.  

Onde atopan a inspiración?
Facemos unha música para pensar e danzar. Falamos do amor, a convivencia, as tradicións, a ecoloxía, o consumo, o feminismo... A nosa inspiración é poética e política. Tamén temos dous temas de Ana Romaní e Sesé Mateo.

Avante Toda
Cal e o seu papel na banda?
Son unha máis. Compoño, toco a percusión e canto.

En concreto, cantas persoas forman As Efémeras?
Sete. Catro mulleres e tres homes.  Temos dúas actuacións fechadas para o 2 de agosto e 15 de agosto para a presentación mundial en Redondela. Nós vimos cubrir un oco na música galega: música para a saúde en tempos de pandemia. Iamos estrearnos en abril pero fixemos un videoclip confinadas que se chama "Namorare" e está en Youtube. 

Teñen algunha referencia?
Bebemos moito de Pucho Boedo, de Fuxan os ventos, de Siniestro Total, de Marful etcétera. 

Quen máis está no colectivo Siña Paca?
Dentro hai un colectivo feminista, está a xente titiriteira, o colectivo republicano, está o Artelixo... Foi unha asociación "de colectivos". 

comentarios