A CIG celebra o resultado das mobilizacións

Educación rectifica e atende algunhas demandas da Escola da Arte Dramática

As mobilizacións de docentes e estudantado da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo dan os seus primeiros froitos. A Consellaría de Educación rectifica e comprométese a revisar o cadro de persoal, aumentar unha praza e media na docencia, recoñecer as titorías docentes dentro do horario lectivo e substituír o inspector do centro.
 

folga ESAD
photo_camera Protesta de docentes e estudantado da Escola Superior de Arte dramática de Vigo. Foto: CIG.

Así, restituirase a metade do profesorado eliminado para este curso. E o relevo do inspector, afirma a CIG nun comunicado remitida esta terza feira, “será un elemento fundamental para favorecer a convivencia entre a comunidade educativa da ESAD e a administración”.

“Acadáronse tres importantes compomisos”, sinala o sindicato, “non son todos os demandados, nomeadamente a recuperación da totalidade do profesarado, mais temos que felicitarnos polo esforzo, a afouteza e a combatividade d profesorado e alumnado da ESAD”.

As protestas da Escola, cuxos estudantes e profesores secundaron masivamente tres días de folga entre o 17 e o 19 de setembro, desembocaron a pasada sexta feira nunha xuntanza entre a dirección do centro e unha delegación da Inspección Educativa. Foi onde se pactaron os mencionados acordos.

Non obstante, a central sindical afirma que aínda existen “asuntos pendentes”: a recuperación ao completo do cadro de persoal solicitado pola Escola e a adscrición á ensinanzas artísticas superiores.

“Quedou ben patente que fronte ao deseleixo sempre é preferíbel a loita e a mobilización”, indican desde a CIG, “e saímos coa convición de que, malia non conseguir todos os nosos obxectivos, si demos un paso adiante fundamental na defensa dis dereitos do profesorado do centro e da calidade das ensinanzas de arte dramática no país”.

Comentarios