Educación e cultura para a paz nun Vietnam en guerra

O escritor e presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) ofrécenos un amplo ensaio no que reflexiona sobre o papel da educación e a cultura na guerra do Vietnam. 

vietnam

“A arte e a cultura forman outra fronte de loita; escritores e artistas son os seus soldados”. Ho Chi Minh 

Cando os EE.UU. desembarcan masivamente na Praia da China, á beira das Terras Altas de Annam, non só levan a súa maquinaria mortal de guerra para o Xenocidio, consigo levan tamén a súa cultura de Morte do poder político-militar invasor, acompañada da cultura de masas dos EE. UU. que acompañaría aos soldados norteamericanos. Ao tempo que se vai impoñendo a destrución de toda forma de cultura do Vietnam vaise destruíndo a terra cultivábel, que o era cunha determinada agricultura tradicional milenaria, que garantía a transmisión cultural e garantía a súa soberanía alimentar. Fronte ao exército dos EE.UU está a defensa da identidade cultural vietnamita como alicerce do pensamento político que sustenta a defensa da súa independencia nacional.

Mais cando os EE.UU chegan a Vietnam, o etnocidio cultural xa está basicamente feito polo arrogante colonialismo francés. Da mao de Bertrand Russel sabemos que a estrutura do sistema mandarín estaba composta por 20.000 escolas, cada unha cun seu mestre nas aldeas, ademais das escolas de distrito e das escolas provinciais, mesmo co sistema de elección dos altos funcionarios da administración imperial na capital Hue, con exames ao xeito chinés. O percorrido que facían os aspirantes ate Hue é chamado a “Rota Mandarín”.

Ao ser substituída a autoridade da nobreza e mais dos mandaríns por funcionarios franceses, a transmisión regrada da cultura interrompese. Aínda así no 1885 hai unha revolta contra a autoridade colonial francesa, que fracasa, chamada a Revolta dos Académicos ao estar dirixida por mandaríns. Entre eles estaba o pai de Ho Chi Ming, que abandonou a corte do Emperador títere e dedicouse a percorrer o Vietnam traballando coma conta contos e escritor de cartas. Isto deixa a Vietnam desvertebrado culturalmente, sen conexión entre si, sen a idea de seren un mesmo país cunha longa historia de loitas pola súa independencia, diluídos nun todo onde entraban Camboxa e Laos mais a Conchinchina , Annam e Tonkin.

É o Viet Min o que, ao ter coma elemento político fulcral a idea de toda Vietnam coma unha única nación, crea a base sobre a que asentar a loita anticolonialista diante dos franceses, onde a educación e a cultura son a cerna do proxecto político do Viet Min e do FNL.

Cando Ho Chi Ming toma a decisión de mobilizar a todo o pobo da República Popular de Vietnam do Norte para defender o Norte e reunificarse co Sur, toma tamén a decisión de non mobilizar para a fronte militar aos ensinantes. Ao tempo leva aos rapaces das cidades ás aldeas natais dos pais. O xornalista Wilfred Burchett refire que só se sabia que había Escola na aldea pola cantarela dos rapaces ao aprenderen. Constrúense escolas de teito de folla de palmeira con refuxios antiaéreos. Antes do amencer que traía os bombardeos, todo o país era un ir e vir de vagalumes: nenos e nenas con lampadiñas para ir á Escola. Unha das leis fundamentais do goberno era que a educación debía seguir mesmo baixo das bombas. Coa guerra no punto mais álxido (1965. Hanoi é bombardeado) no Vietnam do Norte había tres millóns de alumnos na Educación Xeral ( sete anos en dous ciclos). As aulas eran de 20-25 alumnos. Os estudantes para mestres eran 4000 e facían tres cursos.

"Antes do amencer que traía os bombardeos, todo o país era un ir e vir de vagalumes: nenos e nenas con lampadiñas para ir á Escola.”

Dende a alba da súa historia Vietnam foi terra de poetas, cunha grande tradición de poesía oral. Son poemas curtos que son transmitidos oralmente sen acompañamento musical por xentes do común.. No século X hai unha importantísima poesía Zen. Os emperadores mandaban gravar poemas nas rochas de lugares simbólicos.

Na guerra, nas escolas os nenos e nenas tiñan na poesía o vehículo de creación é de aprendizaxe. Moitos cadernos cheos de poemas aos seus heroes nacionais foron recollidos dos escombros, despois dos bombardeos e nos que foron mortos nenos, contiñan a clave da educación dos rapaces: coñecer a súa historia, a súa literatura.

“Debemos estudar para remodelar o noso pensamento". “Ho Chi Ming

Aproximarse á documentación dos combatentes vietnamitas ou á situación interna da cultura vietnamita naqueles momentos é certamente máis difícil que á Norteamericana. A información, o consumo da información xerada polos EEUU era unha parte fulcral da súa industria cultural con vontade de hexemonía mundial e as necesidades do de show bussines. Aínda así, houbo reporteiros coma Wilfred Burchett que retrataron a realidade do Norte e do Sur e chegaron a percorrer a selva da mao do Viet Cong e mesmo ser recibido por Ho Chi Ming.

A isto temos que engadir que a prensa occidental e a grande maquinaria industrial de entretemento masivo coma é o cinema, decantase maioritariamente polo poderoso agresor e, os ámbitos culturais do occidente que non se decantan claramente, entran en dinámicas que tan ben analizou  Bertand Russell cando fai estas reflexións esclarecedoras no año 1966 : " as persoas que en Occidente proclaman a súa simpatía co pobo do Vietnam ocupase primariamente de construír esquemas nos cales os vietnamitas han de tratar aos EE. UU. coma iguais moralmente. Non importa que o grande coloso teña emprendido unha guerra de exterminio." ……” Non fan distinción moral entre o agresor e a súa vítima "
Preparados para unha guerra longa mesmo moi longa,  o Viet Min ten coma elemento político estratéxico da loita anticolonialista a recuperación da cultura nacional, no seu sentido mais amplo. Isto acollía todo o saber dende a relixiosidade popular que conleva unha determinada concepción do transcorrer do tempo, ate  da propia historia ou os xeitos tradicionais de celebrar os ciclos da vida e da morte, os xeitos de humanizar a terra, que eran incompatíbeis coas novas necesidades de materias primas do  colonialismo francés, que substitúe o arroz polo caucho, para as novas necesidades da industria automobilística europea. O Vietnam partía dunha situación histórica na que sempre se orgullou non das conquistas sobre outros pobos senón de como resistir e sobreviviu.

vietnam4Mais cales son os alicerces da cultura nacional do Vietnam?. Aquí a mestura do confucianismo no Norte vido da China por terra e o budismo taoísta, que no Sur ven da India por mar , historicamente  intégranse totalmente co nacionalismo vietnamita. Isto é determinante fronte a China, coa vietnamita Dinastía Ding ( Seculo X). O povo vietnamita independizouse da china no ano 937 do calendario da era cristián. Ao longo dos séculos e nos diversos levantamentos de nobres contra dos chinos as mulleres nobres son especialmente lembradas: Irmas Trung ( ano 40), que teñen un monumento  no mercado de Saigón , e a Sra Trieu ( ano 248). Para o pobo vietnamita esta guerra non era unha guerra illada senón unha continuación das guerras de liberación que iniciaron as Irmás Trung, contra a dominación chinesa, e despois contra os mongoles e despois contra os franceses.

Isto danos chaves para entender ao pobo vietnamita e mesmo o pensamento revolucionario de Ho Chi Ming. Para os vietnamitas o que define ao home é o seu papel social segundo o pensamento confucianista , que é útil á hora de conformar o estado nación, e que era a doutrina  que debían asimilar no pasado os candidatos a letrados e mandaríns. O confucionismo era ante todo unha filosofia de organización social. O budismo é determinante para a construción da literatura nacional que , aínda que debedora da chinesa, crea a escrita nom  (S.  X-XIV) que canta a natureza e o efémero da vida, a beleza da terra á que incorpora pegadas patrióticas de independencia nacional. Nunca houbo guerras relixiosas entre as dúas correntes de pensamento. Compleméntanse, distintas, como se complementan o norte e o sur,  que é pasar dun pais no Norte coas catro estacións a un Sur totalmente tropical.

O que nos leva ao elemento fulcral do pensamento vietnamita é unha relixiosidade que admite e incentiva coñecementos técnicos, musicais, relixiosos, filosóficos, poéticos, de pensamento, que hai que estudar.  En palabras de Confucio, é necesario “ estimular a mente, adestrar a observación, fomentar as relacións sociais e permitirlle a un expresar as súas queixas”.

Isto enchoupa culturalmente toda a vida diaria, cos seus códigos morais, coas súas regras non escritas de respecto aos demais e á natureza. Nela estaba contida a espiritualidade da comunidade mesma e dábase concretamente no territorio concreto da aldea onde estaban soterrados os  devanceiros.

"O que nos leva ao elemento fulcral do pensamento vietnamita é unha relixiosidade que admite e incentiva coñecementos técnicos, musicais, relixiosos, filosóficos, poéticos, de pensamento, que hai que estudar".

Esta explicación daba Ho Chi Ming  a uns estudantes da necesidade de estudar: “ Debemos estudar para remodelar o noso pensamento…. estimular as nosas virtudes revolucionarias…. O estudo debe servir para a acción….ambos os dous deben ir da mao. O primeiro é inútil sen o segunda. A segunda é difícil de cumprir sen a primeira “

E para entender coma os labregos, teoricamente conservadores fronte ao pensamento revolucionario,  acollen e viven na propia carne os pensamentos do Libro das Transformacións :  O I Ching, que di " No ciclo universal tamén as vidas dos pobos e das nacións teñen a súa primavera e o seu outono, e reclaman transformacións sociais”

No mais concreto do presente da guerra, os poetas escribían e imprimían os textos,. Tiñan a misión de recuperar e transmitir a tradición oral, na idea de que no Vietnam sempre foron capaces de seguir sendo un pobo independente grazas ao esforzo heroico dos seus fillos e fillas. Feitos que foron inmortalizados en poemas e cancións cantados por bardos ao longo dos séculos en obras populares de teatro e operas. En abril de 1966 Betrand Russel e os que o acompañaron  nunha visita a Vietnam escoita como  eran transmitidos polas radios poemas de tradición oral  aplicados as necesidades do ao dia a dia.

Outra das características fundamentais, foi a negativa dos maiores a abandonar as súas terras despois de seren bombardeados e trasladados das aldeas destruídas para iren ás aldeas estratéxicas ( aparheit),  onde eran levados cos seus búfalos e os seus patos e galiñas. Non querendo abandonar as tumbas dos seus devanceiros, escapaban á noite para retornar á aldea e con catro paos e un teito de palla de palmeira reconstruían a casa. A aldea ( Xa ) significa : lugar onde a xente se reúne para adorar aos espíritos. Antes morrer que ollar a terra onde moraban os seus antepasados, abandonada e chea de herba. As tumbas familiares non están en ningún cemiterio, creación máis actual, senón nos eidos da familia.  Nas súas casas, alí onde estiveran,  hai altares con fotos dos seus antepasados , país e avós que, ao estar en implicados nas moitas guerras de defensa da súa Terra, convertíanse en altares ancestrais lembrando o seu pasado heroico.

Ao seren arrincados das súas aldeas os vietnamitas so teñen relación coa súa identidade coma pobo a través do Vietcong.  No Vietnam do Sur, o nexo cultural co propio país que estaba a ser arrasado era o Vietcong que ten a transmisión cultural nun dos seus dez puntos.

Un enfrontamento tan desigual no terreo das armas non o foi tal no terreo da guerra entre dúas culturas. Unha invasora que quería  non só asimilar senón  simplesmentes borrar da faz da terra outra cultura que era soporte para eles do comunismo. Fronte a ela a cultura de Vietnam foi unha cultura de resistencia na alta Idade Media fronte ao invasor chinés e Mongol a quen derrotou por tres veces.  Os combatentes vietnamitas eran os fillos dunha cultura  rica en xestas heroicas no seu pasado, que foron transmitidas de xeración en xeración a traveso da súa tradición oral .

Para os vietnamitas foi unha guerra que abranguía todos os aspectos da vida diaria: traballo, familia, arte, literatura, fotografía, musica, educación. No Vietnam do Norte e nas zonas controladas polo Vietcong no sur, todos os xornais existían para axudar na guerra total contra do invasor. As principais unidades de combate norvietnamitas levaban cantantes, músicos, pintores, escritores e actores. O escritor Nguyen Quang Sang, conta como serviu nunha sección de literatura e arte, na que escribía contos para programas radiofónicos. No Vietnam do sur, os labregos percorrían a selva horas e horas, perigosamente, para asistir a funcións teatrais que se daban para contar e cantar lendas dun pasado de liberdade. Ás veces celebrábanse sentados nos cráteres máis grandes das bombas estoupadas.

O pobo vietnamita combatente, era cultural e politicamente mais forte que o exercito invasor.

É para min determinante a maneira circular de medir o tempo na cultura vietnamita. No Templo da Literatura de Hanoi, onde se formaba no tempo dos emperadores a clase dirixente e estudaron aos clásicos, primeiramente nobreza e posteriormente as elites económicas ou sociais, hai unha fermosa figura de bronce, é o ave fénix e unha tartaruga . Fermosa e lizgaira, renací da das cinzas da morte o ave fénix está parada no medio e medio da eternidade sobre a tartaruga de bronce . Quen leva o ritmo do camiñar da historia é a tartaruga.

vietnam3O tempo dos EEUU era,  dunha banda, unha liña recta e eles na cúspide guiando á humanidade ao "progreso", doutra o alto mando norteamericano tiña claro que a guerra tiña que seguir aínda que estivese irremediablemente perdida ate que fosen exterminados todos os movementos de esquerda do sureste asiático. A Indonesia tiña un parido comunista de tres millóns de afiliados. É aceptado que unha das razóns para se implicar no Vietnam foi para lle dar tempo ao exercito de Indonesia de exterminar ao Partido comunista de Indonesia. O calculo oficial dos militantes comunistas mortos fala de medio millón. Unha das masacres máis terríbeis do século XX levadas a cabo polo exercito indonesio coas armas entregadas polos EE. UU.

A prensa occidental daquel tempo refire sen moita preocupación o bombardeo de hospitais e escolas: " o goberno considera os hospitais coma bos obxectivos para os ataques aéreos . " (New York Times , 25 de xullo de 1962)
Cando os helicópteros deitan folletos antes de bombardear as aldeas os argumentos eran moi semellantes aos que actualmente se empregaron en Gaza. Mercería outro artigo este tema.

"Un enfrontamento tan desigual no terreo das armas non o foi tal no terreo da guerra entre dúas culturas. Unha invasora que quería  non só asimilar senón simplesmentes borrar da faz da terra outra cultura que era soporte para eles do comunismo. Fronte a ela a cultura de Vietnam foi unha cultura de resistencia na alta Idade Media fronte ao invasor chinés e Mongol a quen derrotou por tres veces".

Fronte dos combatentes vietnamitas, estaban os soldados norteamericanos que foron treinados e preparados para matar, desposuíndoos de calquera forma de humanidade.  A preparación dos soldados faise estarrecedora cando os militares empregaron a científicos sociais e psicólogos militares, debedores de metodoloxía nazi da segunda guerra mundial,  preparándoos para que o combate fose o acontecemento de carácter ritual que resolve tensións de odio creadas polas interminábeis frustracións do adestramento. Algo aparece na película de Stanley Kubrick: 'A chaqueta metálica'.

Nos documentos orais os soldados norteamericanos dan testemuña de ter sido adestrados para sentir pracer ao matar con baioneta. No adestramento para a guerra, son básicos os relatos de guerra a literatura bélica do cinema para transformar así imaxes previas do combate real, coa creación de códigos míticos e personaxes arquetípicas, verdadeiros superhomes. Isto axudaba a se alistaren aos mozos. Sen esquecermos a inmensa industria de xoguetes militares.
Moito teñen buscado os militares no método de descubrir o soldado con mais capacidade para matar sen porque, sen piedade , chegando a concluír da bondade dos sectores sociais que, tendo moitos problemas de integración social e biografía carceraria, eran bos no combate e na obediencia á hora de matar. Procuraban aproveitar destes grupos de soldados a necesidade que tiñan de ser recoñecidos pola comunidade da que non formaban parte de pleno dereito e saír así da marxinalidade.

Aínda que normalmente os correspondentes  transcribían o que dicían os partes militares, nas famosas reunións informativas das cinco da tarde do alto mando , que todo  o mundo sabia eran falsas, o ambiente foi retratado por algúns correspondentes Norteamericanos coma  Michael Herr, que foi asesor do guión de Apocalipse Now, ou por xornalistas coma Oriana Falaci.

O ambiente chegou a ser de total enaxenación, tanto que tivo que ser adobiado por consumo masivo de estupefacientes dos que os soldados non tiñan ningún problema de se abasteceren. Fosen as pipas de opio ou as inxeccións de heroína, segundo a capacidade económica dos soldados.

As iconas culturais norteamericanas actúan de maneira determinante coma referentes, sobre de todo certo cinema sempre supervisado polo Pentágono. Moitos actores e actrices visitaron ás tropas para lle dar animo. Moitos dos soldados ían a Vietnam a vivir unha película tendo coma referente a Jon Wayne. Para isto foron formados. Chegaban a se facer fotografías cos " trofeos” dos combatentes mortos. Aínda así houbo moitísimos casos especialmente honorábeis coma o do boxeador Casius Clay, que merecería mais extensión.

"As iconas culturais norteamericanas actúan de maneira determinante coma referentes, sobre de todo certo cinema sempre supervisado polo Pentágono".

Cando comezan a ver que a realidade non é unha película  : " o inimigos non gritan de dor nin fai ruído coma nas películas, ao morrer caen en silencio e sen control do seu corpo "  descobren tamén que a semellanza da guerra de Vietnam coa da loita no Oeste contra dos indios non é tal. Alí morrese e á noitiña os recrutas dormen con chaleco antibalas e choran na escuridade en silencio e despois de matar por vez primeira, comeza un longo, e as veces para sempre, proceso de xestión do peso da propia culpa, aínda que eliminando os efectos psicolóxicos perturbadores: Tiranse medallas diante do Congreso norteamericano.  Mesmo aparece a negativa a entrar en combate, o chamado  fragging ( dar morte a oficiais por determinados soldados ou grupos de soldados ) Os soldados norteamericanos entran en dinámicas de comprensión de que o inimigo tiña unha razón pola que loita re  eles non. Os propios soldados denunciarán nalgúns casos as actitudes criminais de outros compañeiros.7Cando visitei as galerías soterradas de Cu Ci, pensei que era unha táctica do goberno actual diante do turismo, non falar mal dos Norteamericanos. É dicir, dos antigos inimigos. Mais comprobei que no presente e na historia é unha actitude vital do pobo vietnamita.
Unha proba da diferencia entre os soldados dos EEUU e os combatentes do Vietnam dánola o poeta Duong Tuong cando, despois da guerra vai visitar os EEUU e escrebe un poema que deposita no monumento aos veteranos de Vietnam:

Ao muro de Vietnam/ porque nunca te coñecín/ nin ti a min/ aquí veño.
Porque deixaches atrás a túa nai e ao teu pai e prometida / e eu á miña muller e fillos/ aquí veño.
Porque o amor é mais forte que a hostilidade/e pódense construír pontes sobre os océanos/   aquí veño. Porque nunca regresaches / e eu si/ aquí veño.

Comentarios