O catálogo consta xa de máis de cen títulos procedentes de 18 linguas

A editorial Hugin e Munin celebra dez anos traendo outras literaturas ao galego

De Pasolini a Asimov; de Aphra Behn a Siri Hustvedt; de Strindberg a Yasmina Reza. As literaturas do mundo dialogan co galego grazas ás traducións. Hugin e Munin celebra este Nadal dez anos de actividade, nos que creou un corpus de máis de cen títulos e propiciou o enriquecemento do caudal artístico da nosa lingua.
Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin.
photo_camera Alejandro Tobar, da editorial Hugin e Munin. (Foto: AELG)

Hugin e Munin son os nomes dos dous corvos compañeiros de Odín que viaxan cada día arredor do mundo para recoller novas e levarllas ao deus nórdico. O nome de Hugin está asociado ao pensamento; o de Munin, á memoria. Hugin e Munin son tamén as figuras que bautizaron a editorial especializada en traducións fundada por Alejandro Tobar hai agora dez anos, pensada para recoller información sobre o vasto mundo literario e achegala á Galiza. 

Até non hai moito tempo, unha editorial especializada en traducións era, segundo unha opinión moi estendida, unha aventura sen futuro. En 2005 Rinoceronte Editora inaugurou esa nova vía e a tradución, un elemento de normalización imprescindíbel para calquera cultura, comezou a abrirse paso na realidade cotiá das persoas lectoras do país.

Nestes dez anos Hugin e Munin editou 108 títulos que xa pasaron a formar parte do acervo cultural do galego

“Cando comezamos, vimos que faltaba unha editorial xeralista de alta literatura”, comenta Tobar en conversa con Nós Diario. “Comezamos con Bukowski e Mark Twain, e axiña incorporamos nomes como os de Mary Wollstonecraft ou Thomas Hardy. Logo, coa incorporación de Xavier Senín e Isabel Soto ao corpo de tradutores, apareceron os franceses: Raymond Rousell, Pierre Loti, Villiers de L'Isle-Adam...”. A lista que proporciona Tobar é longa: nestes dez anos editaron 108 títulos que xa pasaron a formar parte do acervo cultural do galego. 

Non obstante, ao mercado, talvez por inercias moi arraizadas, segue custándolle admitir eses novos textos. “Agora mesmo, na Galiza estamos na mesma media que en Europa, arredor dun 20% dos títulos que se editan corresponden a literatura traducida. Foi un avance que se deu de maneira case xeométrica nos últimos anos. Mais se nos fixamos nas tiraxes, no número de exemplares, as cifras cambian. Se unha novela de autoría galega anda entre os 800 e 1.200 exemplares, nós movémonos arredor dos 300, aínda que tamén é certo que as novas técnicas dixitais nos permiten facer reimpresións de poucos exemplares, en función das necesidades de mercado. Falamos dun núcleo de persoas lectoras que medra moi de vagar, mais sen retrocesos. Antes custábanos esgotar os 250 exemplares cos que comezabamos e agora estamos quedando curtos nas estimacións” explica Tobar. 

Quizais por iso houbo que buscar solucións enxeñosas que permitisen iniciar o proxecto cunha certa seguridade económica. Un dos piares financeiros da editorial baséase na existencia dunha comunidade de subscritores que reciben dúas obras cada trimestre. “Iso permítenos contar cuns fondos para poder planificar os títulos que van engrosar o catálogo sen perdas”. E así, o proxecto foi avanzando de maneira positiva: “O crecemento como empresa pode verse na miña actividade persoal”, aclara o editor. “Ao ser tradutor, comecei asumindo un sesenta por cento das traducións; este 2021 xa non me deu tempo a traducir ningún, todos os títulos que sacamos son encargas a tradutores de fóra”.

"Estamos vivindo unha época especialmente boa, cunhas traducións dun altísimo nivel”, di Tobar

Unha nova vaga de tradutoras e tradutores

A aparición dunha nova vaga de tradutoras e tradutores, con preparación específica, non é allea a este auxe. “A tradución está vivindo un momento moi bo. Ao galego sempre se lle pide que faga un pouco máis que os outros para ser aceptado. E agora mesmo iso estase cumprindo. Polo menos a metade dos que traballamos de maneira profesional somos persoas que tamén nos movemos no mercado castelán, o que nos permite comparar dous mercados moi diferentes. E iso lévame a asegurar que estamos vivindo unha época especialmente boa, cunhas traducións dun altísimo nivel”.

Funcións da tradución 

Até hai uns anos, as traducións cumprían unha función maiormente simbólica: demostrar a capacidade da nosa lingua para servir de vehículo das obras mestras da literatura universal. Afortunadamente, hoxe ese obxectivo dáse por obvio -as traducións de Goethe, Kafka, Baudelaire ou Dante, entre outros moitos, así o certifican- e os propósitos que guían as políticas de tradución son outros, aínda que non menos importantes. Un deles é confrontar a público e autores con usos da lingua singulares. “A tradución permite contar cunha prosodia propia nun momento en que vivimos unha castelanización galopante da lingua", opina Tobar. "Nese sentido pode parecer pretensioso que o diga eu, mais creo que existen algunhas solucións lingüísticas das traducións que pasan a formar parte da linguaxe literaria galega. Nas traducións, precisamente porque vas peneirar sistemas literarios moi afastados, buscas solucións patrimoniais que parecen insólitas, e recuperalas resulta moi tentador para os creadores”. 

E entre os lectores, existen preferencias? "Sempre existe a constante da incerteza. Eu pensaba, por exemplo, que H. G. Wells ía ser un seguro de vida, e non ocorreu así: vendeu fatal. E pola contra, un autor como Pierre Loti, a priori máis minoritario, tivo un éxito moi apreciábel. Ás veces son os tradutores os que teñen unhas redes xa tecidas que facilitan a entrada no mercado; outras veces, son os autores os que tiran do público; por exemplo, Raymond Chandler sempre funciona ben. E outras, hai movementos na sociedade que propician o achegamento: a recuperación de autoras italianas de finais do século XIX e principios do XX como Donna Paola ou Grazia Deledda benefíciase, creo, da vaga actual de interese por autoras que reivindican a condición feminina”.

Un proxecto para a tradución

A acción institucional da  Xunta da Galiza a prol da tradución sempre arrastra polémica e, este ano, a cuestión saltou aos titulares polo desleixo e a falta de control na convocatoria das axudas. Que é o que lle falta para elaborar un programa que poña as traducións no nivel que merecen? "Fáltalle cultura e competencia; unha listaxe seria e consensuada de obras que precisan tradución; falta axudar a tradución de obras necesarias e deixar de pagar libros insubstanciais; e sobre todo, falta un cambio de goberno. A miña confianza no Partido Popular é nula, e é unha opinión apoiada en feitos", sentencia Tobar. "E por parte das editoras, falta un compromiso para facer viábel o noso traballo. As axudas deben ser iso, axudas: non podemos fundamentar o noso labor nelas".

Comentarios