luns 03/08/20

Galaxia inicia unha campaña de apoio ás librerías da Galiza

Destinará 10% da súa venda online ás librarías que decidan as propias compradoras desde o día de hoxe.
Imaxe de arquivo dunha libraría (Arxina).
Imaxe de arquivo dunha libraría (Arxina).

A Editorial Galaxia vén de iniciar unha campaña de apoio ás librarías no día no que a Galiza entra na fase 1 do proceso de desconfinamento e, polo tanto, estas xa poden abrir as súas portas sen necesidade de cita previa.

Ese "apoio" consiste en destinar 10% da súa venda online ás librarías que decidan as propias compradoras desde o día de hoxe.

Con esta medida, Galaxia, consciente do "gran reto" ao que se enfronta a sociedade, "e en especial as librarías",afirma que quere "contribuír a que este período confuso sexa máis doado de levar".

"Ler é un ben de primeira necesidade, e as librarías, o espazo fundamental que garda e promove as historias que nos emocionan, por iso merecen o noso apoio, o de toda a sociedade".

Así pois, conclúe a editorial, "entregaremos 10% do prezo de cada libro, mentres dure esta época de emerxencia sanitaria, á librería que o comprador ou compradora así nos indique".

A pandemia do coronavirus bate con forza no sector do libro galego. A mdiados do pasado mes de abril, os gremios de Editoras e Librarías galegas mais a Asociación de escritores e escritoras en lingua galega demandaban do Goberno galego concretar as axudas fronte á crise do Covid-19.

O sector trasladara unha serie de medidas á administración, medidas que daquela concretábanse, principalmente, na posta en marcha dun bono libro familiar, o apoio á edición cunha convocatoria específica de axudas, campañas de fomento da lectura ou incremento do 50% na dotación para compra de bibliotecas.

Taméns e propuña un plan de choque para despois do estado de alarma para as librarías, e a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 coa finalidade de destinar máis recursos á edición, á actividade das escritoras e ás librarías, entre outras medidas.

comentarios