A editorial Galaxia abre unha colección sobre feminismo con tres títulos

Chis Oliveira e Amada Traba, Inma López Silva e Carme Adán son as autoras responsábeis dos tres primeiros títulos da colección Feminismos que a editorial Galaxia vén de colocar nas librarías.
 

pgfeminismos
photo_camera Mobilización feminista en Compostela. Foto: cedida.

“Son tres libros que queren dar conta das múltiples perspectivas que reflicte o plural no título da colección”, explican desde a editorial.

ám@me. Pensar o amor no século XXI, de Oliveira (Pontevedra, 1957) e Traba (Fisterra, 1958) “aborda a necesidade de reflexionar arredor das necesidades amorosas e a aprendizaxe do amor”. As escritoras consideran que “cómpre desaprender os modelos nocivos baseados nos mitos románticos, unha sexualidade condicionada pola pornografía e os modelos esmagadores do patriarcado”.

Feminismos

A novelista e ensaísta Inma López Silva (Compostela, 1978) escribe “un axuste de contas co machismo no sector cultural e literario galego a partir da súa propia experiencia”. Chámame señora, pero trátame coma a un señor é “un relato biográfico que resultará incómodo para uns e estimulante para outros”.

A Carme Adán (Donostia, 1966), profesora de filosofía e ex deputada do BNG, corresponde a terceira das obras, Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. “Describe a situación de violencia que o patriarcado exerce sobre as mulleres, sobre os seus corpos”, indican desde a edutorial.

A colección Feminismos presentarase o 2 de decembro no Culturgal. Asistirán as autoras e o director de Galaxia, Francisco Castro. Antes, o 24 de novembro, na Casa do Libro de Vigo ás 18.00 horas, Adán, Castro e a dramaturga e actriz Marta Pérez farán o propio con Feminicidio.

Comentarios