A editorial Aira estréase con poesía, banda deseñada e tradución

A eclosión editorial galega é un fenómeno empírico. Está por calibrar a súa dimensión real, mais o certo é que novos selos continúan a agromar. No Culturgal desta fin de semana en Pontevedra, Aira, con sede en Allariz, estreará catálogo. Poesía científica, singular banda deseñada e tradución abrirán as portas dunha casa cuxos contidos dirixe o xornalista César Lorenzo Gil (Arbo, 1977).
 

césar-lorenzo-gil-aira 2
photo_camera O director da editorial Aira César Lorenzo Gil. Foto: cedida.

Aira nace vencellada á popular libraría alaricana Aira das Letras. “Non en sentido localista”, adivirte Lorenzo, “se non coa intención de publicar libros con normalidade no sistema literario galego”. Para cumprir con este propósito, un libro da poeta Estíbaliz Espinosa (A Coruña, 1974): Curiosidade. Directamente aparellado con As neuronas irmás -a obra que vén de lle valer o premio Afundación-, en Curiosidade adquire relevancia unha ollada feminista sobre a ciencia e as científicas.

O traballo de Espinosa inclúe dúas ilustracións de Celsius Pictor e inaugura unha colección centrada na poesía escrita por mulleres bautizada co nome de Fina Rei. “Rei foi unha das renovadoras da repostería de Allariz”, explica o director de Aira, “houbo, ate agora, algúns intentos de crear coleccións de literatura escrita por mulleres, mais non callaran. Creo que porque non estaban pensadas así desde o principio. Esta si”.

Ademais da poesía, a banda deseñada tamén ocupará os intereses da nova editorial. Alter Nativo é un cómic en formato acordión da autoría do ourensán Jorge Campos. Sen diálogos, o seu debuxo minucioso relata as múltiples existencias posíbeis dun náufrago. “Ás veces lembran aqueles libros de Á procura de Wally, pola acumulación de detalles”, di o editor, “pero con referencias a Jules Verne ou á teleserie Perdidos”.

A tradución de Vidas imaxinarias (1896), a obra do francés Marcel Schwob que fertilizou a literatura de Borges, completa a primeira remesa de Aira. A versión galega é de Samuel Solleiro, o limiar do escritor Xosé Miranda e 22 láminas de 22 ilustradoras diferentes adubían o libro. “Como outras editoras europeas, queremos facer libro ilustrado para público adulto. No de Schwob participan debuxantes de aquí e de fóra, consagrados e debutantes... Foi un proxecto ambicioso”.

César Lorenzo Gil é tamén responsábel da activa e interesante web literaria Biosbardia e un atento observador do mundo da escrita. “A atomización ou aparición de pequenas editoras é un proceso xeral no Estado español, non só en Galiza”, considera, “provocado en boa parte pola impresión dixital e o abaratamento de custos que levan canda si”. Cun aquel crítico, entende que este proceso ten problemas: “Talvez non exista unha masa crítica autónoma e por iso pequenas editoras non conseguen estabelecer diálogo. Ás veces os proxectos non están ben perfilados. Hai excepcións, como Apiario. Ao mellor é porque a comunidade lectora de poesía está máis vertebrada”.

Comentarios